- Luís Bará salientou que as obras de ampliación da ponte de Rande prexudican gravemente á poboación de Chapela en materia de ruídos, tráfico, vivendas e infraestruturas
A proposición non de Lei defendida polo deputado do BNG, Luís Bará para poñer en marcha un plan integral na parroquia de Chapela co fin de minimizar o impacto das obras de ampliación da AP-9, foi rexeitada polo Partido popular.
O parlamentario do BNG explicou que, a proximidade das obras afecta gravemente ao desenvolvemento dos centros escolares e a súa normal actividade lectiva así como vivendas e outras infraestruturas na parroquia e contorna, ao que sumou os ruídos, vibracións e tráfico.
Para o deputado, a parroquia de Chapela leva décadas padecendo as consecuencias de infraestruturas como o ferrocarril, a autoestrada 552 e a propia AP-9 polo que é preciso un plan específico que implique ao Ministerio de Fomento e a concesionaria da autoestrada para “corrixir os impactos negativos dunha infraestrutura” que, en opinión do parlamentario nacionalista, “tampouco era preciso facer”.
Pola súa parte, o portavoz do Partido popular, Alberto Pazos Couñago respondeu que o Goberno galego xa tomou as medidas oportunas e os compromisos se están a executar ao que o nacionalista replicou que, a pesar do que diga o Partido popular, a parroquia de Chapela segue necesitando “suprimir a peaxe entre Redondela e Vigo, construír o novo colexio, a escola infantil e solucionar os problemas de ruídos e tráfico”. Neste sentido, apostou polo carácter urbano entre as torres de Padín e a cidade de Vigo que permitiría desviar grande parte do tráfico que atravesa a rúa Sanjurjo Badía”. Esta actuación permitiría ademais urbanizar a vía que atravesa a parroquia de Chapela por mor do intenso tráfico, máis de “15.000 vehículos ao día”.
As obras, engadiu, tamén afectan ao colexio da Igrexa e grazas a presión social acadouse un acordo entre AUDASA, Fomento e concello para trasladar este centro a unha nova parcela. O acordo, sen embargo, criticou Bará, data do 2015 e ata agora “non se produciu ningunha medida ao respecto” polo que insistiu en “recualificar os terreos e comezar as obras este mesmo ano”.
Finalmente, o parlamentario reclamou un compromiso do goberno galego para construír unha nova escola infantil e manter o servizo de correos.