A portavoz nacional, Ana Pontón, manifestou no Parlamento o rexeitamento do BNG ao teito de gasto presentado polo Goberno do PP por ser “raquítico” e “insuficiente” para enfrontar os “grandes desafíos do País” e os “problemas reais da xente real”.
“Este teito de gasto é o día da marmota da propaganda e as receitas fracasadas do Partido Popular”, afirmou logo de recalcar que o límite de gasto establecido polo Executivo de Alfonso Rueda non vai servir nin para frear a destrución de emprego industrial, nin para garantir rendas dignas aos produtores e produtoras, nin para parar a fuga de talento e o despoboamento, nin para reverter os recortes na Atención Primaria, nin para loitar contra o cambio climático, nin tampouco para apostar por máis medios e recursos para acadar a igualdade real das mulleres, exemplificou.
A líder nacionalista acusou ao Goberno do PP de reiterar os mesmos mantras propagandísticos para intentar tapar a realidade dun teito de gasto que “nin é histórico, nin é o máis alto”, dado que, tendo en conta a inflación, o límite de gasto de 2025 é inferior ao orzamento de 2009. Necesitaríanse concretamente 350 millóns de euros máis para ter hoxe o mesmo volume de recursos que hai 16 anos, advertiu.
“Si hai algo histórico é o incremento da débeda, porque nos deixan unha débeda de 12.397 millóns de euros, mentres recortaron en sanidade, educación ou dependencia; iso si que é histórico”, recriminou á bancada do PP, á que reprochou que presuma de non endebedarse cando non o fai porque non llelo permiten as restricións europeas.
De igual xeito, afeou ao conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, que presente como excepcional a aprobación dos orzamentos nun goberno con maioría absoluta, algo que o ano pasado fixeron todas as comunidades excepto tres, curiosamente, dúas delas gobernadas polo PP.
Outro exemplo máis da propaganda que tamén emprega o Executivo de Rueda, afirmou Pontón, é dicir que os de 2025 serán uns orzamentos que blindarán os servizos públicos, cando a realidade é que os seus recortes foron precisamente os que provocaron que o investimento en Atención Primaria sexa en Galiza o máis baixo de todo o Estado, curiosamente tamén, só despois de Madrid.
A portavoz nacional criticou ao PP que non tivera ningunha vontade para dialogar coa oposición cun teito de gasto “rutineiro”, algo que tamén demostrou ao presentar a piques de comezar o período de vacacións unha reforma da lei que regula os medios públicos para poñelos aínda máis ao seu servizo e relegar a lingua galega. “Menos TVG e máis TELEPP aínda”, reprochou.
Na análise polo miúdo das cifras, Pontón advertiu que o teito de gasto presentado vai supoñer na práctica contar con “menos recursos”, dado que se fixa en 13.954 millóns de euros, só 344 millóns máis que o de 2024, cunha suba dun 2,5%, cando a inflación galega foi no último mes do 3,7%, o que vai supoñer que esta “suba raquítica vaina comer a inflación”.
Por iso, reiterou que aínda tendo un pouco máis, vaise poder facer menos, xa que, exemplificou, ter aberto hoxe un centro de saúde ou unha cama hospitalaria funcionando custa máis que hai un ano, ou máis que hai dous, ou máis que hai tres. “Van enfrontalo volvendo á senda equivocada dos recortes? Xa lles digo que para iso non conten co BNG”, recalcou á bancada do PP.
A líder nacionalista subliñou que este teito de gasto evidencia tamén outras dúas cuestións: que “o centralismo é moi mal negocio para Galiza” e que “o Partido Popular non é capaz de defender os intereses de Galiza”.
Neste sentido, afeou ao titular de Facenda que se queixara de que outras comunidades están reclamando para si máis capacidade de decisión –“se puideran, devolverían as competencias, vostedes non queren autonomía fiscal”, reprendeu– nun sistema de financiamento asinado por Núñez Feijóo na Presidencia da Xunta que prexudica aos galegos e ás galegas. “Onde estaba vostede defendendo a igualdade cando o señor Núñez Feijóo asinaba un sistema de financiamento que nos fai perder 1.000 millóns de euros cada ano?”, cuestionou ao conselleiro.
“Como poden estar repetindo o argumentario de Génova, absolutamente ineficaz para este País, en vez de estar reclamando que Galiza non pode ser menos que Euskadi e que Cataluña e que temos dereito a ter as chaves dos nosos cartos?”, afondou, para acusar ao Goberno do PP de “estar absolutamente ao servizo da rúa Génova e do señor Feijóo”, repetindo a mesma “retahíla de que Galiza vive da solidariedade madrileña”.
“Isto é falso, vivimos do traballo da xente deste País e dos impostos que paga”, aclarou, para recordar a continuación que, tanto é así, que só con que reclamásemos “o 90 % do IVE, do IRPF ou do Imposto de Sociedades” estaríase “incrementando dunha maneira exponencial os recursos que temos para o noso País”.
“Pero vostedes, en vez de defender Galiza, prefiren defender o centralismo e os intereses do seu partido”, acusou a un PP ao que pediu que non siga “facendo que Galiza perda”. “Quítense as gafas do centralismo e empecen a suar a camiseta dos galegos e das galegas”, concluíu.