O BNG vén de rexistrar no Parlamento a solicitude para que se constitúa o antes posible a comisión que investigará o sobrecuste de 480 millóns de euros do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, as adxudicacións da Xunta a empresas amigas e vinculadas a familiares de altos cargos do PP -entre elas a que dirixe no País a irmá de Alberto Núñez Feijóo- e os contratos de emerxencia da pandemia.
Unha comisión na que o BNG pedirá a comparecencia, entre outros, do actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e do seu predecesor no cargo e actual líder do PP, Alberto Núñez Feijóo. “Sería unha falta de respecto á democracia, unha absoluta falta de respecto aos galegos e ás galegas e toda unha declaración de culpabilidade que se negasen a comparecer”, asegurou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que non contempla a posibilidade de que quen preside e que presidiu Galiza se neguen a comparecer no Parlamento de Galiza.
“Non ten precedentes e desde logo sería un escándalo”, engadiu Pontón en resposta aos xornalistas sobre a posibilidade de que Rueda e Feijóo rexeiten acudir á Cámara para dar explicacións sobre a xestión dos recursos públicos. Sería, destacou, unha obstrución á transparencia e á verdade que se sumaría ao “veto vergoñendo” do PP á comisión de investigación, que o BNG rexistra agora facendo uso da forza dos seus 25 deputados pola vía do 52.1 bis do regulamento da Cámara.
A portavoz nacional subliñou que o BNG quere “poñer luz onde o PP quere escuridade” porque, engadiu, “é evidente que hai irregularidades”, tal e como sinalan os órganos de control da propia Xunta como o Consello de Contas.
Pontón avanzou que o Bloque vai presentar un plan de traballo “rigoroso e detallado” no que incluirá a solicitude de comparecencias e de documentación, por exemplo a relativa ós contratos de emerxencia asinados durante a pandemia, que o PP agocha sistematicamente dende hai dous anos ignorando a súa obriga de facilitar esa información á Cámara.
O BNG pedirá fiscalizar toda a contratación a dedo feita polos Goberno do Partido Popular. Só entre 2018 e 2023 o Executivo que presidía antes Feijóo e agora Rueda formalizou máis dun millón de contratos por valor de 4.000 millóns de euros sen ningún tipo de licitación, segundo información publicada polo xornal El Salto.
Entre estas empresas, esmiuzou Pontón, atópase Eulen, que dirixe en Galiza a irmá de Feijóo. Tal e como se expón na documentación rexistrada hoxe, a Xunta adxudicoulle a este grupo 1.311 contratos menores entre os anos 2018 e 2023 por unha contía de 4,8 millóns de euros”. Ademais, Eulen resultou adxudicataria de contratos por valor de máis de 55 millóns de euros neses mesmos anos.
Respecto aos contratos de emerxencia, o BNG pedirá “saber toda a verdade” sobre os asinados con empresas como Universal Support, Mape Asesores ou Sibucu 360, que protagonizaron “auténticos pelotazos” aproveitándose da grave crise sanitaria.
En concreto, a Xunta adxudicoulle un concurso a Universal Support, vinculada ao cuñado de Feijóo, por 4 millóns de euros a pesar de ser a oferta máis cara de todas. No caso de Sibucu 360, sen relación co sector sanitario, recibiu tamén contratos millonarios para adquisición de máscaras. Con catro traballadores e traballadoras, esta empresa pasou de facturar 765.000 euros en 2019 a máis de 31 M€ en 2020, multiplicando por dez os seus beneficios.
O Bloque reclama tamén a investigación dos contratos por valor de 10,4 M€ con MAPE Asesores, outra das empresas beneficiadas que están vinculadas a cargos do PP. Con esta empresa mediou Alberto González, compañeiro da presidenta da Comunidade de Madrid, que recibiu unha comisión de case dous millóns de euros. Segundo o Consello de Contas, a Xunta pagou sobreprezos na compra de material sanitario a esta empresa.
En canto aos prazos, a intención do BNG é que a comisión de investigación se constitúa e empece a traballar canto antes.