A candidata nacionalista á Presidencia, Ana Pontón, salientou que unha vez que a cidadanía se exprese nas urnas o 25S, o BNG está aberto a pactos postelectorais co obxectivo de desbancar ao PP do goberno da Xunta e abrir un tempo novo con políticas que melloren a vida da maioría social do país.
Temos moi claro e practicamos o diálogo cando non hai maiorías absolutas, e temos a man tendida a acordos que signifiquen cambios nas políticas que hoxe lastran o país, que deixaron a moita xente tirada e que provocan paro, precariedade e deterioro dos servizos públicos, argumentou Pontón, quen contrapuxo esta posición co que pasou no contexto do Estado onde PSOE e Podemos foron incapaces de chegar a un acordo para desbandar ao PP.
Neste sentido, afondou, o BNG nunca permitiu que gobernase o PP cando dependeu de nós e sempre defendemos políticas socias avanzadas. Nesa mesma dirección imos traballar a partir do 25 de setembro, pero antes teñen que falar nas urnas os galegos e as galegas.
Pontón fixo estas declaracións en Arzúa onde visitou a feira local xunto co cabeza de lista pola Coruña, Xosé Luís Rivas, Mini, e aproveitou para expoñer as propostas nacionalistas para revitalizar o medio rural, potenciando sectores produtivos como o leiteiro ou o da madeira fronte ao abandono de Feijóo.
É curioso que Feijóo presuma de ser un neno dos Peares mentres practica unha política de abandono do medio rural, ironizou, e avanzou que o BNG quere abrir unha nova etapa no rural galego co obxectivo de fixar poboación nesta parte esencial do país, que pasa pola recuperación do sector agrogandeiro, agora tocado polo reiterado incumprimento das promesas aos produtores.
Os nosos produtores sofren os prezos máis baixos do leite, sete de cada dez explotacións pechadas no Estado eran galegas e, desde que goberna Feijóo desapareceron 1.300 en Galiza. Con esta política o que pechamos é o medio rural e avanzamos cara o despoboamento.
Cotas, papel mollado
Hai que abrir un tempo novo para o sector lácteo que pasa por prezos xustos, apostar pola I+D+i no sector agrario, un plan estratéxico para o leite que supere o modelo de ser meros produtores de materia prima low-cost para crear un grupo lácteo galego que garanta crear valor engadido cos produtos leiteiros, indicou a candidata nacionalista.
Clave tamén, poñer freo ao problema de endebedamento ao que foron empuxadas as explotacións para adquirir cota láctea que hoxe é só papel mollado tras a supresión do sistema de cotas. Compensalos pola adquisición de dereitos de produción que agora non teñen ningún valor, e que provocou que moitas persoas se endebedara para obter esa cota que desapareceu.
Neste sentido, o Bloque propón que desde o Ministerio e desde a Xunta deben compensar aos produtores e, en paralelo, abrir unha renegociación coa banca para lograr unha quita ao excesivo endebedamento. Se salvaron á banca tamén poden salvar a un sector básico para Galiza, alegou.
Para revitalizar o medio rural, o programa do BNG tamén inclúe outra política de xestión forestal que inclúa apostar polas especies autóctonas e pola transformación da madeira. Agora Galiza aporta o 40% da madeira serrada pero no chega ao 7% da madeira transformada, que é precisamente a actividade que xera emprego. Temo que reconducir o actual modelo de Feijóo, que só alimenta a industria do lume, concluíu.