A portavoz nacional, Ana Pontón, definiu como “marcha pola dignidade e o emprego” a emprendida esta mañá polos traballadores e traballadoras de Ferroatlantica que completarán o percorrido entre Cee a Santiago o vindeiro sábado, culminando cunha gran manifestación en Compostela en contra do espolio das centrais do Ríos Xallas e Grande.
Pontón, -quen arrancou as 8.00 desde a praza do Concello ceense e fará todo percorrido ata chegar a Mazaricos-, instou ao presidente da Xunta a posicionarse e dicir se está co imputado Villar Mir ou coa comarca da Costa da Morte.
“Feijóo ten que dicirnos dunha vez de que lado está, se do lado do empresario imputado por corrupción por susposto financiamento ilegal do PP, ou se está do lado do emprego e da dignidade deste país”, interpelou a dirixente nacionalista, confiada en que un apoio masivo á mobilización inclinará a balanza cara os intereses de Galiza.
“Teño para min que está é unha mobilización importante porque estamos na fase final deste debate, e se hai un proceso participativo amplo, unha ampla mobilización pronto teremos boas noticias, daremos un desgusto a Vilar Mir e gañaremos todos os galegos e as galegas”.
Por iso, a dirixente do Bloque pide sumarse ás protestas porque está en xogo centos de empregos pero tamén a dignidade do país ante un novo intento de espolio de recursos públicos.
“Quero facer un chamamento á solidariedade cos e coas traballadoras de Ferroatlántica, pero tamén en contra do espolio dos recursos naturais do noso país, por iso animo a todos os galegos e galegas a que participen na manifestación deste en Santiago en defensa do emprego na Costa da Morte que é tamén unha mobilización en defensa da dignidade deste país”, indicou.
Neste sentido, Pontón lembrou a Feijóo que se cede “á chantaxe” asina a acta de defunción de preto de 400 postos de traballo. “Sabe perfectamente o que está en xogo coa venda das centrais que é manter as plantas de Cee e Dumbría, e se finalmente cede a chantaxe de Villar Mir estará é finiquitando centos de postos de traballo en toda a comarca, e permitindo que un empresario que está forrado de pasta siga facendo caixa cun ben público”, concluíu.