O BNG demandou no Parlamento que a Xunta faga cumprir a lei no uso da toponimia de Ribeira porque o Goberno galego ten a obriga de garantir que se respecte a toponimia oficial por parte de todas as administracións, e insta a que actúe diante da insubmisión do Goberno municipal de Ribeira.
A través da viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, a formación nacionalista interpelou ao secretario Xeral de Política Lingüística polo uso “reiterado e intencionado” que o Goberno local fai do topónimo deturpado Riveira, “o que supón un incumprimento da Lei de normalización lingüística e do Decreto 189/2003 polo que se aproba o nomenclátor correspondente coas entidades de poboación da provincia da Coruña”.
Rodil atribuíu a “teima” do goberno local de Ribeira, en mans do PP, “a unha actitude desafiante” e exixiu que a Xunta “cumpra coas súas obrigas e garanta o respecto da forma legal e oficial”.
As preguntas da deputada nacionalista recollían as denuncias expresadas polo grupo municipal do BNG en Ribeira despois de que o Goberno local encabezado por Manuel Ruíz situase en dúas rotondas da vila rótulos nos que se usa o topónimo deturpado, cun custe para as arcas municipais superior aos 3.300 euros.
Rodil lembrou que xa en 2013 o Instituto da Lingua Galega resolveu nun informe o suposto conflito no uso do ‘b’ e do ‘v’ sinalando que “os criterios son claros” e que a única forma legal, oficial e etimolóxica é Ribeira.
A deputada nacionalista lembrou que a Valedora do Pobo tamén remitiu no mes de xuño, como xa fixera en anteriores ocasións, un escrito dirixido ao alcalde de Ribeira lembrándolle os seus deberes legais e a obriga de dar cumprimento ao disposto na lexislación vixente. O BNG urxe ao Executivo de Feixóo a manter unha actitude máis activa fronte ás constantes agresións aos dereitos lingüísticos das galegas e dos galegos e lembrou que non só o Concello de Ribeira promove o uso de toponimia deturpada, senón que institucións como a Real Academia Española tamén o fan.