A deputada do BNG, Olalla Rodil recalcou que as leis de acompañamento dos orzamentos son “vías moi pouco democráticas” para lexislar e utilizan un procedemento acelerado que furta o “debate social e político” da tramitación de calquera lei. Neste sentido, anunciou o voto en contra do BNG a un proxecto destinado a modificar 27 textos normativos alleos ás contas para o ano 2022.
No primeiro debate dos orzamentos para o 2022, a nacionalista explicou que a respecto das medidas fiscais, o proxecto de lei de acompañamento, “non aposta pola redución das desigualdades sociais” atendendo aos principios de “progresividade e equidade fiscal” e non impulsa unha fiscalidade que “alivie ás maiorías sociais máis castigadas”, máis ben, engadiu, “a modificación vai non sentido contrario”.
Con carácter xeral, dixo, “o cambio no IRPF para aumentar a renda dispoñíbel das familias, non é tal”. Os obxectivos enunciados non se cumpren debido á supresión de varios tramos da escala e á rebaixa de tipos impositivos afectan ás rendas de forma moi desigual, “beneficiando as bases liquidábeis máis altas e aumentando a regresividade do imposto”. Venden a reforma como unha medida para axudar as familias para que teñan máis cartos nos petos pero o certo é que “rebaixan os impostos ás rendas máis altas porque as emendas do PP fan desaparecer ese último treito superior aos 100.000 euros, de maneira que quedarán só cinco treitos e o último volverá ser a partir de 60.000 euros de base liquidable cun 22,5% de tipo”. Vostedes, recalcou dirixíndose á bancada do Partido popular, “deixan intacta a redución de treitos intermedios proposta pola Xunta, co que ademais de anularse a suba de impostos ás rendas de máis de 100.000 euros de base liquidable, ratifican a rebaixa para as situadas entre os 47.600 e 60.000 euros”.
A respecto do Imposto sobre o Patrimonio, cunha bonificación do 25% da cota, resulta regresivo ao reducir a tributación dos grandes patrimonios persoais igual que a redución nun punto porcentual do tipo de gravame do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados na súa modalidade de transmisións patrimoniais, pasando do 10% ao 9%, unha rebaixa, indicou a nacionalista, que non discrimina positivamente as operacións realizadas por suxeitos pasivos con menor capacidade económica.
Por outra parte, o proxecto de lei inclúe unha redución na compra de segundas vivendas en parroquias que define como rurais pero tamén en concellos como O Grove, Oleiros ou Baiona, reducen os impostos a casinos e bingos e permitirán non tributar ás herdanzas entre 400 mil e un millón de euros que supón unha perda ao ano de 136,17 millóns, tanto como “as transferencias aos concellos para 2022”.
Este ano, modifican 25 leis e 2 decretos lexislativos que na inmensa maioría son as mesmas leis de sempre reformadas unha e outra vez. O PP volve a reformar a Lei de emprego público sen negociar coas organizacións sindicais, a lei de prevención e extinción de incendios, de montes veciñais en man común, para seguir minando a propiedade comunal e decidindo que os montes declarados en abandono pasen a ser de titularidade municipal. Volven a modificar a Lei de solo, “dez veces xa modificada”, así como a lei de vivenda e de Ordenación do Territorio con menos dun ano en vigor.
Nova categoría profesional na Sanidade pública, sen negociar
Coa Lei de Saúde pretenden “colar e sen negociar coas organizacións sindicais” , unha nova categoría profesional para médicas e médicos de Familia con dobre prestación de servizo, “consultas nos PACs e gardas obrigatorias”, que até o momento eran voluntarias.
A deputada nacionalista subliñou que o Partido popular converteu as Leis de acompañamento na normativa que define e regula as infraestruturas de fomento da mobilidade sostíbel e o transporte por estrada. “Lexislan por impulso e cando non lles ven ben modifican a lei como acontece coa a regulación en materia de mobilidade reducida a 3 artigos dunha lei de urxencia de 2016 que fixeron para “parchear a chapuza das concesións que lles tombou por ilegais o TSXG”.
Tras criticar o “modelo eólico depredador” do goberno galego, afirmou que o PP introduce “unha suposta moratoria” que non é tal xa que o que realmente pretende é rebaixar a contestación social pero as medidas incorporadas introducen unha maior “arbitrariedade e inseguridade xurídica” ao permitir tramitar proxectos de forma pouco transparente. Unha medida “cosmética” que non aborda un novo Plan Sectorial eólico que priorice a protección nun contexto de emerxencia climática.
Dende o BNG, “votaremos en contra” deste proxecto de Lei de acompañamento con “gusto e co máximo convencemento” de que o van aprobar definitivamente porque esa lei, en realidade, está nas emendas do GP popular, concluíu.