BNG propón emendas por 2.000M aos orzamentos da Xunta de 2022

Noa Presas
Noa Presas

O obxectivo das emendas é blindar os servizos públicos, transformar a economía galega e responder á emerxencia social e climática

Noa Presas defende case medio cento de propostas concretas para construír unha Galiza competitiva, sostible, xeradora de emprego e con máis dereitos

Avoga por unha nova política fiscal onde, ao contrario da do PP, pague máis quen máis ten e sume recursos para que o País teña máis capacidade de gasto

 

O BNG vén de propoñer nas súas emendas de modificación da contía global e transferencia de créditos entre seccións do proxecto de Orzamentos da Xunta para 2022 a mobilización dun total de 2.099 millóns cos obxectivos fundamentais de reforzar e blindar os servizos públicos, transformar a economía arredor da ciencia e a investigación e responder á emerxencia social e climática, que permita camiñar cara unha Galiza más sostible e con máis dereitos.

Así o explicou no debate parlamentario de totalidade do proxecto de lei de Orzamentos a portavoz nacionalista de Facenda e Orzamentos, Noa Presas, quen, ante o que definiu como un proxecto “baseado na inercia e na falta de ambición”, destacou da proposta nacionalista de gastos “46 novas prioridades inexistentes no proxecto do PP”. “Son 46 propostas para impulsar un novo modelo económico, baseado na ciencia e a innovación, que modernice os sectores produtivos estratéxicos para conseguir crear emprego de calidade e situarnos nunha economía globalizada cunha posición forte”, afirmou, para engadir a continuación a firme aposta do BNG por un novo modelo económico que sitúe ao País “na resposta á crise climática e enerxética e que nos permita blindar os dereitos sociais e a igualdade”.

Sacar o sistema sanitario da UCI, residencias públicas e 1.000 docentes máis ao ano

Así, Presas agrupou as propostas do Bloque en tres grandes ámbitos de actuación, a comezar polo reforzo dos servizos públicos. “O máis urxente -recalcou- sacar o sistema sanitario público da UCI”, para o que avogou pola contratación de máis persoal -“e facéndoo de forma digna; que non teñamos que ler neste País nunca máis sentenzas sacándolle as cores á maior ETT de Galiza que segue sendo o Sergas”- e polo reforzo da Atención Primaria, cun Plan de Rescate específico e un cambio de modelo, impulsando un plan de continxencia para atender as citas e intervencións aprazadas e atendendo como corresponde a saúde mental.

“Que o orzamento da Atención Primaria baixe respecto deste exercicio e que siga sendo máis baixo que o de hai 13 anos é simplemente indecente”, censurou por considerar que detrás hai unha folla de ruta planificada “para que neste País acudir á Atención Primaria sexa como poñer ortodoncia: se a queres, págala. E se non podes pagala, quedas sen ela”.

Xunto á sanidade pública, a deputada nacionalista considerou preciso articular unha Política Social “digna de tal nome”, para o que reclamou ao Goberno do PP que remate coas súas políticas de “drenar recursos do público para o privado” e defendeu a xestión pública das novas residencias, así como a transformación da precaria atención á dependencia cunha Estratexia Fogar mediante a implantación de servizos de proximidade e ampliar o Servizo de Atención no Fogar (SAF).   

De igual xeito, tamén instou a “blindar o ensino público” cun Acordo polo ensino público galego que comece coa dotación de 1.000 docentes anuais, despois de recordar como a semana pasada o Consello de Contas “sacaba de novo as cores” ao Executivo de Núñez Feixóo, en alusión aos datos do Consello que cifran nun 10% o  recorte de profesorado desde 2009.

Modelo económico baseado na I+D+i e 300 millóns para ciencia e investigación

Presas situou como segundo grande eixe de actuación a transformación da economía galega arredor da ciencia e a investigación, multiplicando o esforzo investidor na investigación: “o 3% do orzamento, 300 millóns de euros, para un Pacto galego pola ciencia e a innovación”, explicou, medida á que engadiu a potenciación dun tecido industrial de pequenas e medianas empresas orientadas á innovación en sectores estratéxicos.

Neste sentido, o BNG propuxo un Plan para o fomento da actividade tecnolóxica e industrial, co obxectivo de elevar o peso da industria ata o 25% do PIB en 2030, iniciar o Proxecto Rías, para conformar o maior complexo científico tecnolóxico de Europa en relación co mar e un Plan público de I+D+i nos sectores agrícola, gandeiro e forestal. De igual xeito, considerou imprescindible atender as situacións de urxencia, como a intervención pública en Alcoa ou unha Mesa de traballo pola enerxía, para abordar transversalmente a grave situación derivada da descarbonización e do incremento dos prezos.

Estratexia de emprego e 1 de cada 100 euros para a loita contra a violencia machista

Sobre o terceiro e último gran eixo de actuación, a resposta á emerxencia climática e social cunha Galiza máis sostible e con máis dereitos sociais que deben pivotar sobre a vivenda, o emprego e a igualdade, a portavoz de Facenda e Orzamentos avogou pola posta en marcha dunha Axenda galega para a emerxencia ambiental, con medidas ambiciosas contra o cambio climático e pola defensa da biodiversidade, así como a dunha Estratexia Galega da Auga 2030, para protexer un recurso que considerou “esencial”.

Mais a deputada nacionalista fixo tamén especial fincapé na precariedade laboral, á que sinalou como “a raíz do aumento do empobrecemento da sociedade”, polo que apostou por “un cambio de fondo, pero tamén pola orientación dos recursos ás urxencias para que ninguén quede atrás”. Neste marco, defendeu a Estratexia galega de emprego 2025, “con especial atención ás mulleres e á mocidade, por ser os colectivos máis castigados”, ou medidas concretas para abordar o grave problema do acceso a unha vivenda digna.

De igual xeito, fixo unha mención específica á proposta nacionalista de destinar 1 de cada 100 euros á loita contra a violencia machista. “Estaría ben aplicar, ás portas do 25N” a reivindicación que escoitaremos nas rúas ao feminismo galego de base: menos discursos e máis recursos”, demandou.

Reforma redistributiva do IRPF e dos impostos de Patrimonio e Sucesións e Doazóns

Canto os ingresos, a proposta do BNG é clara: “que pague máis quen máis ten”, resumiu Presas, que defendeu unha verdadeira redistribución da riqueza, ao contrario da proposta do PP que cualificou de “obscena”. “Nun momento de crise económica no que sabemos que 700.000 persoas están en risco de pobreza ou exclusión social, que fai o Goberno Galego? -cuestionou- Cambios regresivos; por riba autoeméndanse para rebaixar aínda máis impostos ás rendas máis altas”, reprobou con severidade, logo de explicar que, coa reforma do IRPF do PP, unha ou un galego que ingrese 12.000 euros anuais vai ter “o ridículo aforro de 12 euros ao ano, mentres que unha persoa que ingrese 10 veces máis, vai ter un aforro de case 500 euros”.

Fronte a este modelo de “dar máis a quen máis ten”, o Bloque propón unha reforma redistributiva do IRPF, do imposto de Patrimonio e do imposto sobre Sucesións e Doazóns, ademais de "explorar a limitada capacidade normativa galega" creando tres novos impostos: gravar as grandes superficies comerciais para desincentivalas e ter recursos para protexer o pequeno comercio; apostar pola fiscalidade verde gravando o impacto medioambiental das redes de alta tensión e penalizar a desocupación permanente e inxustificada durante máis de 2 anos das vivendas baleiras “porque hai un incremento brutal da exclusión residencial e dos prezos de alugueiro diante da que o Goberno galego non pode seguir inhibíndose”.

Por último, a portavoz nacionalista de Facenda e Orzamentos defendeu a modificación do canon eólico porque, segundo advertiu, nestes orzamentos o Executivo do PP “muda por décima vez a lei do sector eólico, pero non toca un cano eólico que cada vez recada menos”. Logo de recalcar que a proposta do BNG pasa por mudar este modelo por fórmulas de participación pública, afirmou que o PP “non o toca para favorecer ao lobby eléctrico e por iso desoe as demandas dos concellos e de entidades como o Observatorio Eólico”.

En síntese, Presas concluíu que o que propón o BNG é “unha nova política fiscal que protexa ás maiorías sociais e interveña nos problemas máis graves, como a falta de vivenda ou a crise ambiental, sumando recursos para ter máis capacidade de gasto”. As emendas presentadas polo BNG, tanto as que modificaban a contía global dos orzamentos, como as que transferían créditos entre seccións, foron rexeitadas polo PP.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG