A candidata do BNG por Lugo, Olalla Rodil, mantivo unha xuntanza con veterinarios e veterinarias galegas que están a esperar, desde o ano 2017, a que finalice o proceso selectivo iniciado pola Xunta de Galiza. Segundo declarou Olalla Rodil, “vemos unha vez máis o abandono do goberno do Partido Popular aos servizos públicos, cun proceso selectivo que sufriu constantes retrasos desde o inicio”.
A candidata do BNG comprometeuse a que esta adxudicación de prazas sexa unha realidade a partir do 12 de xullo, cando se abra un tempo novo no goberno da Xunta de Galiza. Segundo Olalla Rodil, “unha vez finalizado o estado de alarma, e co proceso rematado, non hai escusa para continuar a dilatar máis un proceso que leva tres anos aberto”.
Olalla Rodil afirmou que “resulta inadmisíbel que o goberno do Partido Popular está a provocar un enorme prexuízo persoal e profesional a máis de 120 persoas”. Segundo a candidata do BNG, “isto demostra o pouco compromiso que demostrou o goberno da Xunta de Galiza nos últimos once anos cos servizos públicos”. “A partir do 12 de xullo traballaremos para que os servizos públicos conten co persoal necesario, para garantir así o acceso da poboación a eles”, sentenciou Olalla Rodil.