A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu ao acto de recepción da obra A derradeira leición do mestre de Castelao que, chegada do Centro Galego de Bos Aires, será exhibida por primeira vez en Galiza na Cidade da Cultura.“Estou aquí como galega, por Castelao e porque queremos que a súa obra fique aquí”, demandou Pontón, quen se declarou “emocionada” ante esta emblemática estampa que, ademais do seu valor artístico, está cargada de simbolismo.
“É mais que unha obra de arte, é o retrato do asasinato de Alexandre Bóveda pero tamén unha apelación ao futuro que simbolizan eses nenos, é o futuro dunha Galiza libre e digna”, recalcou. Tras unha intervención do presidente da Xunta sen referencia algunha a identidade do “mestre” que retratou Castelao, Pontón reclamou que as institucións difundan a obra do nacionalista sen “descafeinar” e sen censuras.
“Hai que poñer en valor o que significa este cadro, que denuncia o asasinato de Bóveda e o intento de aniquilación do nacionalismo galego por parte do fascismo. Non facer hoxe un recoñecemento á realidade e ao protagonista deste cadro resulta ofensivo. (...) Parece que Castelao sempre ten que vir envolto de manipulación e de censura”, lamentou a dirixente do Bloque, “é importante que os galegos e as galegas coñezan a verdade e que non vivamos novos episodios de manipulación”.
Tanto polo seu valor simbólico como artístico, o BNG reclama que A derradeira leición do mestre quede en Galiza de xeito definitivo. “Coas estampas de Galiza Mártir e con esta obra, Castelao converteuse tamén no primeiro cronista do que hoxe chamamos memoria histórica, unha razón máis para recoñecer a figura deste nacionalista que entregou a súa vida a defender que Galiza é unha nación con dereito a autogobernarse”. O cadro é tamén “unha homenaxe a todas as persoas que perderon a vida a mans do fascismo”, indicou.
Pontón salientou o traballo previo realizado durante anos por moitos galegos e galegas que, asegurou, está detrás do feito de que hoxe poda verse no país, con mención concreta ás persoas promotores da Iniciativa Lexislativa Popular para a divulgación da obra de Castelao debatida no Parlamento que, entre outras cuestións, reclamaba que este cadro viñera a Galiza con vocación de quedarse.