Presas: “Serán unhas contas restritivas que estancarán a economía e a capacidade da Xunta, nun momento de dificultade para a maioría”
Critica a submisión do Goberno do PP a un centralismo que retén a maior parte do gasto, pese a ser Galiza quen ten que prestar os servizos públicos
“Ninguén lle está regalando nada a este País e non recibimos nin un só euro que non sexa de Galiza”, aclara a portavoz parlamentaria de Economía
A portavoz parlamentaria de Economía, Noa Presas, destacou o momento excepcional que vive Galiza de extrema dificultade para a maioría social con datos que demostran até que punto a situación empeza a ser límite: 700.000 persoas en risco de exclusión social, 40.000 sofren carencia severa e os prezos descontrolados por riba do 11% e subindo máis que a media estatal, pese a ter salarios e pensións máis baixas.
Neste contexto, o BNG non apoia un teito de gasto que nin sequera compensa a inflación e só anticipa unhas contas públicas que non van permitir unha saída xusta da crise, sintetizou Presas na súa intervención parlamentaria para fixar a posición nacionalista.
“Ante esta realidade complexa, nin o teito de gasto é a ferramenta precisa, nin os orzamentos rutineiros que anticipan son a solución, porque a repetición das mesmas políticas non van fortalecer os servizos públicos nin reorientar o modelo produtivo para facernos máis fortes”, argumentou Presas, quen deixou unha pregunta para o Goberno do PP: “Que nos presentan hoxe? Un teito de gasto Mr. Wonderfull que se disfraza de histórico cando non o é”.
O incremento do 8% do que presume o Executivo do PP non resiste unha análise seria, alegou. Para empezar, é moi inferior ao IPC, “o que significa que non permitirá soportar o aumento do custo dos servizos públicos”. Prender a luz dun instituto ou dun consultorio médico, facer o mantemento do equipo informático ou pagar os produtos de limpeza é de media un 11% máis caro, citou a modo de exemplos.
O mesmo sucede coa realización de obra pública, importante para dinamizar a economía nun contexto de freo do sector privado. “O centro de discapacidade de Ourense paralizouse pola crise de prezos e volveu licitarse por un 40% máis do previsto”, explicou a portavoz de Economía.
Por iso, o BNG votou en contra dun teito de gasto que “estanca” a capacidade económica da Xunta. “Van recortar investimentos e servizos, este teito de gasto estanca a situación económica e a capacidade económica da Xunta, esa é a realidade, non van ser unhas contas expansivas senón restritivas, e anticipan uns orzamentos nas antípodas dunha saída xusta á crise”, denunciou Presas.
Presas tamén explicou que o teito de gasto é outra demostración de que “o centralismo é un mal negocio” para Galiza porque, como xa pasou na crise de 2008, volve ser o Estado quen acapara a maior capacidade de gasto, “pese a que non é competente nin en sanidade, nin en educación nin en servizos sociais e cando a obriga de déficit supón para Galiza neste ano unha perda de capacidade de gasto de máis de 200 millóns de euros”, explicou a portavoz de Economía.
Gasto militar
“Non é xusto para as comunidades autónomas que o autodenominado goberno de progreso invista máis en armamento militar que en dar recursos a quen temos as competencias para prestar servizos básicos. E no PP calan porque están de acordo con ese modelo centralista”, critica
Presas denunciou os límites do actual sistema de financiamento e deixou claro que o insuficiente incremento do teito de gasto procede do aumento da recadación.
“Ninguén lle está regalando nada a este País, nin é magnánimo o Goberno central, nin a Xunta fixo os seus deberes para ter un sistema de financiamento xusto. Que ninguén veña a dicirnos neste Parlamento que se lle está regalando algo a Galiza porque non é certo, non recibimos nin un só euro que non sexa noso”.
A incapacidade do PP
A realidade é que diante dunha situación excepcional faltan recursos, redúcense á metade os ingresos extraordinarios o que mostra, conclúe o BNG, o fracaso do Goberno do PP, incapaz de defender os dereitos de Galiza. “Non negocian máis peso nos fondos europeos, nin exercen o seu autogoberno económico e seguen instalados nunha política fiscal regresiva”, explicou Presas.
Pese ao momento de dificultade, o Bloque confía no País, recalcou a deputada, “porque se algo demostramos os galegos e galegas é capacidade de superación”, indicou, aot tempo que instaba ao Goberno do PP a abandonar a submisión a estratexia do Partido Popular, instalado no que canto peor, mellor para os seus intereses electorais en Madrid.