Noa Presas: “A Xunta ten que intervir no conflito de Ferrovial, afecta a un servizo básico como a sanidade”

Noa Presas
Noa Presas

“A Xerencia do CHUO non pode mirar para outro lado, ten que implicarse na resolución dun conflito que afecta tamén ás persoas usuarias”, indica

A deputada por Ourense, Noa Presas, reclamou na Comisión parlamentaria de Sanidade a implicación do SERGAS no conflito laboral dos traballadores de mantemento do Centro Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) coa empresa Ferrovial. “Non poden limitarse a mirar para outro lado, nin poden reducir o asunto a un conflito entre empresa e cadro de persoal porque estamos falando do servizo de mantemento do CHUO e, polo tanto, estamos falando dun servizo básico para a cidadanía de Ourense como é a sanidade”, indicou Presas.

“A Xerencia do CHUO ten que implicarse porque non estamos falando dun servizo de mantemento hospitalario que ten repercusión directa na prestación do servizo sanitario e na seguridade de todas as persoas usuarias, polo que a Xunta non pode conformarse con mirar cara outro lado nun conflito que hoxe volveu concentrar ao persoal ás portas do noso Hospital, non se pode agardar máis e a Xerencia ten que mollarse”, demandou Presas

“Estamos ante unhas demandas lexítimas que, ademais, repercuten tanto nos profesionais como nas persoas usuarias do CHUO”, alegou a deputada, quen recriminou á Xunta “a estratexia de acoso e derribo ao Hospital de Ourense cun historial de incumprimentos e atrasos constantes coas infraestruturas comprometidas”.

Presas lembra que esta protesta do cadro de persoal de mantemento ven precedida da folga das traballadoras da limpeza do hospital, en demanda de cuestión tan básicas como como incrementar os efectivos especializados e de fin de semana, “ante unha situación laboral de explotación”.

Presas salienta que a orixe do conflito está na privatización dos servizos públicos por parte do PP, que neste caso se traduciu nunha adxudicación a Ferrovial do mantemento do hospital de Ourense por 15 anos, contrato que supuxo un recorte das condicións laborais ao non existir número mínimo de persoal nin garantías para cubrir as baixas.

“Máis aínda, nos últimos anos as e os traballadores de servizos dependentes de Ferrovial teñen denunciado a vulneración dos seus dereitos laborais que no caso do persoal de mantemento “é alarmante” porque falta persoal, non se cobren con axilidade as baixas, son discriminados a respecto das condicións dos traballadores do mesmo servizo doutros hospitais, vulnérase o convenio deste sector, obriga de traballar a fin de semana sen compensación salarial ou de descanso e nin sequera dispoñen dun local acaido.

Presas lembra que este persoal “é o responsábel do mantemento e conservación de toda a infraestrutura sanitaria, composta de varios edificios, e non estamos falando dun mantemento calquera senón da seguridade industrial no ámbito sanitario” e avanza que o BNG seguirá levando este asunto ao Parlamento.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG