- O BNG pregúntalle a Conde cando pensa reunirse co comité de empresa de Ferroatlántica
A portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas, cualificou de autocompracente e propagandística a estratexia da Xunta en materia de emprego e industria confirmada pola intervención do conselleiro, Francisco Conde. “Propaganda e publicidade, a dobre PP”, ironizou a deputada do Bloque, “porque a recuperación só chega nas notas de prensa da Xunta”.
Presas iniciou a súa intervención de control preguntando ao responsable de Industria por Ferroatlántica. “Cando pensa recibir ao comité de empresa ou vai ser a estratexia da súa consellería esconderse cando o país ten un problema?”, interpelou, en referencia á anunciada venda ilegal das centrais hidroeléctricas do Xallas por parte da empresa de Villar Mir.
En relación ao mercado de traballo, os datos demostran que “as políticas do PP desmantelan Galiza a prezo de saldo, ao tempo que perdemos poboación a un ritmo que non se pode permitir ningún país nin ningunha economía”. Presas argumentou contra a propagando oficial coa falta de creación de emprego neto, coa precariedade e a emigración de xente moza, coa realidade dos e das traballadoras pobres e coa crecente realidade “dos e das falsas autónomas”
A deputada tamén fixo referencia á discriminación salarial das mulleres, “que non mereceu ningunha mención por parte do conselleiro”, polo que o BNG propón cumprir a Lei de Igualdade e facer un plan de emprego feminino.
En relación ao sector industrial, o índice de produción descendeu en Galiza un 2,4%, case o dobre ca media estatal, pero máis aló do dato, “preocúpanos que non hai unha folla de ruta para reorientar os nosos sectores produtivos, non hai proxecto”, advertiu Presas, quen reiterou a aposta do Bloque pola I+D+i para o desenvolvemento de Galiza.
A deputada pediu á Xunta que recupere o talento investigador emigrado por falta de oportunidades, empezando por subir ao 1% de PIB o orzamento en investigación.
A deputada nacionalista tamén fixo referencia ao problema crecente da deslocalización, en particular en sectores produtivos como o da automobilístico que en Galiza perdeu 2.000 empregos mentres Portugal ganou 6.000. Aposta pola investigación, control e transparencia das axudas publicas, excluíndo ás empresas que deslocalicen, e blindaxe das condicións laborais dos e das traballadoras porque non se pode competir tirando os salarios, propostas concretas do Bloque contra a fuga de empresas.