Noa Presas: “A solución a praza de abastos da Ponte non é baixar o canón senón unha xestión pública”

Noa Presas
  • Denuncia o fracaso de toda a corporación municipal de Ourense para sacar adiante un proxecto que leva dous anos rematado sen funcionar

A deputada por Ourense, Noa Presas, propuxo na Comisión parlamentaria de Industria unha “xestión pública e directa” para a posta en funcionamento da praza de abastos da Ponte,  e criticou a ineficacia de todos os grupos da corporación municipal de Ourense na súa aposta pola privatización da xestión dunha infraestrutura que leva dous anos rematada pero pechada. 

“O debate non é reducir ou non reducir o canón, porque en ambos casos se aposta por un modelo de privatización da praza de abastos”, argumentou Presas, “o BNG propón unha xestión pública e directa igual que a que se está a levar a cabo na Praza de abastos número 1 mediante concesión directa ás persoas usuarias ou a cooperativas fora dunha macro xestión a través dunha concesión privada”, explicou.

Nese sentido, Presas lamentou a falta de alternativas “tanto por parte do equipo de goberno de Jesús Vázquez como por parte dos grupos da oposición”, ao entender que unha posible redución do canón “é un parche que abala a estratexia privatizadora do PP”. A deputada nacionalista lembra que o BNG xa defendeu en 2015 un procedemento de concesión directa dos postos ou ben indirecta mediante concesión a cooperativas, asociacións ou calquera outra fórmula que aglutinara as comerciantes da ourensá Praza de abastos da Ponte.

“Puxemos sobre a mesa dúas alternativas baixo un denominador común irrenunciable: que a xestión fora pública, pero foi rexeitada polo resto de forzas municipais”, indicou. De feito, “é de xeito sorpresivo puxéronse darcordo  fixando un canon de 45.000 € que agora se pide rebaixar, pero que non sería máis ca un parche que non soluciona o problema”, denunciou.

O Bloque, concluíu Presas, demanda a xestión pública e directa ou ben un modelo asociativo, non copiar estratexias importadas de Madrid ou Barcelona con macro concesións sen garantías, e promover o comercio de proximidade abrindo a porta a que a praza de abastos da Ponte sexa referente dos produtos ecolóxicos.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG