- A deputada nacionalista preguntou ao goberno que accións emprendeu para evitar a segregación da empresa e reclamou da Xunta actuar contra a perda de centos de postos de traballo na Costa da Morte
No transcurso dunha pregunta ao goberno sobre as medidas emprendidas para evitar a segregación da empresa Ferroatlántica, a deputada do BNG, Noa Presas afirmou que, “ o goberno non impulso, impulsa ou impulsará ningunha acción para evitar a segregación da produción industrial na Costa da Morte da produción hidroeléctrica do río Xallas”.
Noa Presas lembrou que esta mesma mañá en sesión plenaria, o PP “rompeu un consenso social e político e o consenso do 18 de febreiro no Parlamento galego e posteriormente na Deputación de Coruña así como dos concellos da Costa da Morte”, algúns, dixo, mesmo gobernados por vostedes e onte, engadiu, o BNG e os traballadores e traballadoras de Ferroatlántica pedimos a retirada da proposta do Grupo parlamentario popular votada hoxe e destinada a facilitar o camiño da segregación.
Vender as centrais é un “pelotazo” para Villar Mir
A deputada referiuse na súa intervención ás “escuras relacións do Partido popular con Villar Mir” das que dixo non dubidar dun “posible pacto”, a pesar de insistir en que non hai motivos para o “alarmismo” como asegura o Partido popular. De ser así preguntou, por qué ese cambio de discurso do PP e deixar a porta aberta á segregación e por qué as insinuacións do propio Feijóo. Vostedes, recriminou a nacionalista, saben que a venda das empresas representaría un “pelotazo” para o Sr. Villar Mir e mentres durante 25 anos a administración pública inxectaba diñeiro e obtiñan un “800% de beneficio” non investiron nada. Desprazaron o I+d+i para fora de Galiza e non modernizaron as instalacións, denunciou a parlamentaria.
Por outra parte, Noa Presas tamén preguntou se a non segregación é fundamental para Aragón porqué non o é para Galiza? e volveu a pedir a Goberno galego que impida a perda de postos de traballo en Ferroatlántica.
O conselleiro de Industria afirma carecer da solicitude para a segregación
Pola súa parte, o conselleiro de Industria, Francisco Conde respondeu á deputada do BNG que se está a cumprir escrupulosamente o cumprimento da concesión e polo momento, a consellería non recibiu “ningunha solicitude da segregación”. O goberno, dixo, está ao lado das traballadoras e traballadores de Cee e Dumbría e a consellería seguirá traballando polo sector industrial galego.
Na réplica ao titular de Industria, a deputada do BNG aceptou que non exista solicitude formal por parte da empresa pero cuestionou que o goberno non conte con “información informal” sobre a segregación. A parlamentaria tamén respondeu ao conselleiro que a comarca segue agardando polos “700 postos de traballo que na teoría xustificaron a repotenciación do Xallas”.