A deputada do BNG por Ourense Noa Presas denunciou no Parlamento o “incumprimento sistemático” da concesión do Hotel Monumento San Clodio, en Leiro, ante a “deixadez, pasividade e indiferenza” do Goberno do PP, ao que emprazou a poñer punto e final “a un dos maiores escándalos da Xunta na comarca do Ribeiro”.
Presas interveu na Comisión de Economía para defender unha iniciativa na que o BNG reclama, nun dos seus puntos, “impulsar unha mesa de traballo co Concello de Leiro de cara a abordar a situación de custodia, acceso e usos do monumento para abordar a finalización da concesión no remate dos primeiros vinte e cinco anos”.
Eses vinte e cinco anos cumpriranse, precisamente, no 2025, aínda que a concesión contempla que poden ser prorrogable, por períodos de cinco anos, até chegar aos cincuenta. “É necesario evitar que a inacción da Xunta prorrogue unha situación escandalosa”, advertiu Noa Presas, aludindo aos “24 anos de desidia do Goberno do PP e de incumprimentos da concesión” do mosteiro, cedido pola Igrexa á Xunta e privatizado polo Executivo de Manuel Fraga logo de ter investido millóns de euros en reparacións e dotación.
Dende entón, engadiu, seguiron os investimentos e, por exemplo, destináronse “varios millóns de pesetas” para fornecer o hotel de electrodomésticos e mobiliario para cafetería, recepción ou habitacións. Cartos aos que habería que sumar fondos feder ou outros 52 millóns das antigas pesetas para acondicionamento do contorno do mosteiro.
Sen entrar a valorar o axeitado que foi o cambio de uso para albergar un hotel, a deputada nacionalista considerou un “disparate” os 25 anos dunha concesión que non funcionou polo tempo que o hotel non está aberto, “excedendo o teórico período que pode pechar” (de nadal ao entroido). “Tamén isto habería que revisalo en favor da desestacionalización do turismo e da potencialidade que ten o Ribeiro no Camiño de Santiago, no tema vitivinícola ou mesmo para atraer congresos”, apuntou.
A deputada nacionalista criticou, así mesmo, que o mosteiro non sempre funciona como hotel, xa que tamén se utiliza como espazo para vodas, e subliñou que “nin hai garantías de valorización patrimonial nin sequera de apertura pese a ser un monumento BIC, o que implica unhas obrigas por lei”.
Trátase dun “monumento espectacular, con dous claustros de planta cadrada, un renacentista e outro barroco, cunha historia e unha contorna impresionante” que, xunto a á ponte medieval, conforma un conxunto artístico con mostras de románico e barroco de incalculable valor cultural, patrimonial e social “que debe ser protexido e valorizado polo seu significado para a comarca do Ribeiro e para o conxunto de Galiza”.
De aí a necesidade de por fin a unha concesión que non funciona ante a “indiferenza” do Goberno do PP nun exercicio de “irresponsabilidade” pois supón, argumentou Presas, un prexuízo para a comarca e o seu desenvolvemento económico, cultural e turístico, porque supuxo malgastar recursos públicos e porque supón unha mala xestión do patrimonio da Xunta”.
“Capitalismo de amiguetes”
A deputada nacionalista lamentou as “escusas peregrinas” do PP para votar en contra da iniciativa do BNG nunha mostra máis do “capitalismo de amiguetes”. “Permítenlle todo á empresa en detrimento da comarca”, reprobou Presas, que concluíu tomando prestado o humor do Carrabouxo para advertir ao PP que “non é o mesmo o Ourense termal, que ter mal Ourense, que é o que vostedes fan”.
A iniciativa reclamaba tamén que se remita ao Parlamento a documentación respecto dos antecedentes e situación do Mosteiro de San Clodio, singularmente o convenio asinado entre Xunta, Bispado de Ourense , Comunidade Benedictina de Samos e Concello de Leiro e a documentación relativa á concesión para o seu uso hoteleiro.
Durante o debate da iniciativa, a deputada ourensá amosou as súas queixas polo feito de que parte desa documentación, requerida polo BNG, si fose accesible para os deputados do PP, nun exercicio máis de escurantismo por parte do Executivo de Alfonso Rueda.