- A cabeza de lista nas eleccións ao Paramento, Noa Presas, visitou o CDR O Viso acompañada de Maribel Poysa (número 3), Marcos Fernández (nº 13), Paco García (alcalde de Allariz) e Ramiro Rodríguez (Deputado provincial) para coñecer o proxecto de estratexia de desenvolvemento integral dirixida á poboación rural.
“A eliminación das escolas é a primeira patada cara a emigración.” dixo Noa Presas esta tarde durante a visita ás instalacións do CDR O Viso en Sarreaus. “Primeiro foron as escolas unitarias, dende vai un tempo está pasando cos grupos escolares. No rural de Ourense estase expulsando á poboación pola falta de servizos coa política aplicada por parte do PP.”
Presas engadiu “É preciso apostar por un cambio de modelo estratéxico para o rural do s. XXI. A política de subvencións ou virse sentar nos bancos cos veciños en precampaña só son parches e márketing”.
Lodoselo é un exemplo de traballar, como eles defenden, por mudar un medio rural visitábel por un medio habitábel e habitado, explicou Noa Presas e engadiu “Un proxecto comunitario que fixo que a unión e forza da veciñanza chegase a condicionar as políticas sociais dos concellos da contorna demostrando que a xestión comunal é socialmente máis rendíbel.”
Maribel Poysa, candidata, concelleira en Allariz e traballadora da sanidade, engadiu “temos os recursos materiais e humanos para garantir o benestar de todos e todas, quen o impide é a política privatizadora do PP; Lodoselo ademais é un exemplo de creación de emprego no rural”.
Presas insistiu “O BNG aposta por considerar o medio rural un sector estratéxico na recuperación económica, dimensionándoo baixo criterios de eficiencia e sustentabilidade e partindo das experiencias xa en práctica”.
CDR O Viso é unha asociación sen ánimo de lucro que leva máis de trinta anos traballando coa veciñanza de Sarreaus e outros concellos, pertence á rede estatal COCEDER que aposta pola recuperación da vida do rural.