Galegas 2020

Noa Presas chama a confiar no BNG “para facer historia” o vindeiro 12X con Ana Pontón liderando o cambio galego

Acto Allariz
Acto Allariz

Néstor Rego: “O 12 de xullo temos que iniciar outra etapa e con derrotar a Feixóo non é suficiente"

A formación nacionalista quere levar o modelo de Allariz á Xunta de Galiza liderada pola primeira presidenta nacionalista"

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, estivo nun encontro coa veciñanza de Allariz acompañada pola alcaldesa da vila, Cistina Cid, e o anterior alcalde Francisco García mais o deputado no Congreso Néstor Rego e o número dous da candidatura, Iago Tabarés. Presas adiantou que un goberno liderado polo BNG “é a garantía dun cambio real galego” e ese liderado “será coa primeira presidenta nacionalista da nosa historia”.

Durante o acto, a cabeza de lista por Ourense destacou a “hipocrisía” do Partido Popular: “vós criades a Baltar e a Feijóo cando viñeron aquí de paseo antes das municipais a dicir que levabades 30 anos de atraso? Non o crían nin eles”. Asemade, Presas puxo en valor a labor realizada en Allariz durante estes anos e convidou a trasladar o modelo alaricano á Xunta de Galiza “para que o cambio galego sexa imparábel”.

“En Allariz temos o exemplo vivo do que pasa cando se suma a forza dun pobo que non se resigna e o proxecto transformador do BNG” recalcou Noa Presas mentres pedía o voto “a todas as persoas que queren cambio que nos axuden a facer historia que se mobilicen connosco”. Continuou explicando que se a xente que pensa que Galiza merece máis concentra o voto do cambio na papeleta do BNG “o cambio galego será imparábel”.

Presas destacou que “non hai nada escrito” e comprometeuse a que sexa o BNG a garantía do cambio político. “No país no que soñamos non hai sitio para que a atención á dependencia sexa un negocio, non hai sitio para escoller quen ten dereito ou non a unha cama na UCI. Non hai sitio para recortar dereitos sociais. Non hai sitio para máis resignación. O próximo 12 de xullo, saímos a loitar e a gañar” concluíu a candidata nacionalista.

Por outra banda, o deputado no Congreso, Néstor Rego, lembrou o compromiso do BNG para co pobo galego. “Lembrades cando fronte á proposta dunha Tarifa Eléctrica Galega que baixase a luz ás familias e ás empresas Feixóo dixo que non porque ningún español o entendería” preguntou o deputado nacionalista. Mais tamén sinalou que agora “os galegos temos que entender que paguemos a luz máis cara que en Madrid onde consomen a 600 quilómetros de distancia a enerxía que producimos aquí ao lado”.

Cambio galego liderado por unha presidenta nacionalista

“O 12 de xullo temos que iniciar outra etapa e con derrotar a Feixóo non é suficiente. Non se trata de mudar de presidente, trátase de mudar de políticas e iso só o garante o BNG” reivindicou Rego. O deputado incidiu na figura de Ana Pontón por ter o compromiso de loitar polos intereses dos e das galegas, das clases populares e “non por favorecer os intereses dos amigos persoais ou políticos”.

Así mesmo, sinalou que, ademais da submisión o resto de forzas progresista de ámbito estatal. “Precisamos determinación política para colocar sempre en primeiro lugar os intereses da Galiza para facelos valer”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG