Galegas 2016

Noa Presas: “A banca pública galega servirá para potenciar a economía social”

Ana Pontón e Noa Presas en Ribadavia
Ana Pontón e Noa Presas en Ribadavia
  • A candidata do BNG por Ourense participou nun reparto informativo en Ribadavia xunto a Ana Pontón, candidata á Presidencia da Xunta.
  • “Crer no país significa apostar por que as galegas e os galegos vivamos e traballemos con dignidade aquí e sexamos cada vez máis libres” , dixo Ana Pontón

Noa Presas, cabeza de lista do BNG por Ourense, insistiu esta tarde en Ribadavia na necesidade de que o goberno do país dispoña de institucións propias, coma unha banca pública, para promover proxectos como o Plan Retorna a través do cal o BNG pretende conseguir á volta a Galiza da xente moza que está na emigración. “Unha banca pública pode prestar atención as necesidades de financiamento de colectivos ata agora excluídos pola banca privada”, dixo Presas, e engadiu: “A banca pública servirá para potenciar proxectos de emprego xuvenil e o emprendemento mediante empresas de economía social”.

Noa Presas participou en Ribadavia, xunto a Ana Pontón, candidata do BNG á Presidencia da Xunta, nun reparto informativo polo centro da vila, coincidindo coa presenza da Caravana da Mocidade, organizada por Galiza Nova e que durante estes días recorrerá a provincia de Ourense.

Ana Pontón e Noa Presas en Ribadavia“Crer no país significa apostar por que as galegas e os galegos vivamos e traballemos con dignidade aquí e sexamos cada vez máis libres. Libres para non ter que aturar salarios de miseria, libres para non ter que emigrar, libres para decidir a quen amar, libres para non ter violencia de xénero, libres para pasar a páxina dos recortes”, sinalou pola súa parte Ana Pontón.

Pola mañá, Presas abriu o acto nacional do BNG en Rianxo cun chamamento “a ese pobo que non se rende e que defende o que é seu" para que se dote de representantes "nos centros de poder, alá onde se toman decisión, e facelo sen intermediarios".

O BNG reivindica para a comarca do Ribeiro un plan de investimento na reestruturación das viñas, así como melloras nos accesos ás viñas e a promoción da incorporación de viticultores novos. Tamén lembra a necesidade de acelerar a apertura de equipamentos básicos, como o centro de saúde de Ribadavia e o centro de día en Leiro.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG