Néstor Rego traslada ao Ministro Félix Bolaños a demanda duns orzamentos xustos para a Galiza

Reunión co ministro Bolaños
Reunión co ministro Bolaños
O deputado nacionalista sinalou que o BNG espera que non se repita o maltrato ao noso País dos Orzamentos de 2021, que se melloren as políticas sociais e se avance no cumprimento do Acordo de Investidura

Néstor Rego reuniuse nesta terza feira co Ministro da Presidencia, Félix Bolaños, para abordar os Orzamentos do Estado para 2022 e trasladou a posición do BNG, que resumiu en tres aspectos: que sexa incrementado o investimento territorializado na Galiza, particularmente en infraestruturas e servizos ferroviarios; que se impulsen as políticas sociais, e que haxa avances significativos no cumprimento das medidas recollidas no Acordo de Investidura.

O deputado nacionalista indicou que o BNG está en plena disposición a falar e negociar para alcanzar uns bons orzamentos do Estado para o noso País e situou como premisa que o investimento territorializado na Galiza se vexa incrementado para non repetir a discriminación que supuxo en 2021 a caída de 11% cando subiu o investimento na maior parte das Comunidades Autónomas, mesmo por cima de 50%.

Rego subliñou que no que respecta aos investimentos, a forza nacionalista porá o foco na modernización das infraestruturas ferroviarias para recuperar o importante retraso do noso País nese ámbito e na mellora dois servizos. Partindo de que os camiños de ferro representan un modo de mobilidade sustentábel e de futuro, o BNG proporá actuacións para a modernización da rede interna, para a implementación das redes de mercadorías e para implantar servizos de cercanías nas áreas metropolitanas.

Ademais, o deputado nacionalista avanzou a necesidade de mellorar as políticas sociais en diferentes ámbitos, desde un maior esforzo no financiamento da Lei de dependencia até a derrogación das ‘reformas’ antisociais do período anterior, pasando pola creación dos xulgados de violencia de xénero ou a resolución ao problema dos emigrantes retornados coa facenda española.

Por último, Néstor Rego lembrou que é imprescindíbel que o Goberno do Estado avance no cumprimento das medidas recollidas no Acordo de Investidura asinado en xaneiro de 2020, incluidas as que teñen a ver con autogoberno ou solucións á crise industrial que sofre o noso País. Aliás, entende que é preciso abordar definitivamente cuestións como unha tarifa eléctrica específica para as Comunidades produtoras excedentarias -que permita abaratar o custo da luz para todos os galegos e galegas- ou avanzar para unha AP-9 Galega e Sen Peaxes, especialmente após o informe da Comisión Europea que sinala que as prórrogas da concesión foron ilegais.

O deputado nacionalista salientou que o BNG estará atento a que o proxecto de Orzamentos que se presente sexa bon para a Galiza e as clases populares, con votade de contribuir para melloralo, sempre desde a firmeza na defensa dos intereses de todos os galegos e galegas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG