O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixe a PSOE e PP que retiren as emendas rexistradas á Lei de transferencia da titularidade da Autoestrada do Atlántico e convoquen a ponencia na cámara baixa para completar a tramitación. A frente nacionalista, após conseguir a unanimidade no Parlamento de Galiza nunha iniciativa que solicitaba tramitar a transferencia “nos termos votados na cámara galega”, defende que se debe garantir a súa aprobación na cámara baixa “o máis rápido posíbel”. Para isto, Rego reclama a convocatoria urxente da ponencia e a retirada de todas as emendas -presentadas por PP e PSOE- para aprobar a Lei nos termos en que foi aprobada pola unanimidade da cámara galega.
Dous anos despois de que fose aprobada no Congreso a toma en consideración da Proposición de Lei -proposta polo Parlamento da Galiza a raíz dunha iniciativa do BNG- para a transferencia da AP-9 a tramitación continúa bloqueada na cámara baixa. “Durante meses, PP e PSOE que posúen a maioría da Mesa do Congreso, alongaron o prazo para a presentación de emendas nesta lei e dilataron a súa tramitación na cámara baixa” lembra o deputado do BNG.
Após varios escritos da formación nacionalista reclamando axilidade no proceso, a Mesa deu por rematado o prazo para a presentación de emendas. O BNG anunciou publicamente que non presentaba ningunha para respectar o texto aprobado no Parlamento da Galiza, por considerar que, alén do máis, é correcto e suficiente para proceder a unha transferencia ordenada da infraestrutura en que os termos máis concretos deben ser obxecto de negociación na Comisión Bilateral de Transferencias. Porén, tanto PP como PSOE, rexistraron emendas que, alén de modificar substancialmente o texto aprobado pola unanimidade da cámara galega (especialmente no caso so PSOE), provocaban, máis unha vez, unha demora para a transferencia da Autoestrada do Atlántico.
“Existe unha iniciativa do BNG, aprobada o pasado 11 de abril polo conxunto da cámara galega, en que se insta os grupos políticos con representación no Congreso a que apoien o texto da proposición de lei de transferencia da AP-9 nos termos votados de xeito unánime polo Pleno da cámara galega, co obxecto de garantir a aprobación do traspaso no prazo máis rápido posíbel” engade Rego. Dúas semanas despois de que PP e PSOE votaran a favor desta proposta no Parlamento de Galiza, sinala o deputado do BNG, continúan mantendo as súas emendas no Congreso e sen convocar unha nova reunión da ponencia.
O deputado do BNG no Congreso alerta do inminente remate da lexislatura e, se non se tramitar agora a Lei, “teremos que volver a comezar todo o proceso para a transferencia da autoestrada”. Neste sentido, Néstor Rego denuncia a mudanza de postura das forzas estatais por “votar unha cousa no Parlamento de Galiza e facer a contraria no Congreso. PP e PSOE deben retirar as emendas para tramitar xa a transferencia da AP-9 á Galiza”.
Alén do máis, o deputado nacionalista sinala que as emendas rexistradas polo Partido Popular “concretan algo que deberá ser debatido con posterioridade na Comisión Mixta de Transferencias entre a Xunta de Galiza e o Goberno do Estado. Así mesmo, as emendas do PSOE “deturpan de forma clara aquilo que acordou de maneira unánime da cámara galega: a transferencia da titularidade e as competencias da infraestruturas, non só para a transferencia da xestión”.
“O BNG non está en disposición de aceptar ningún tipo de rebaixa sobre o que de forma unánime se aprobou no Parlamento de Galiza. Temos claro que, para rematar a tramitación desta lei debe existir un respecto pola decisión que, no seu día, foi apoiada pola unanimidade dos grupos da cámara galega” asevera.