O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, participa nunha das concentracións convocadas pola organización nacionalista en Monforte de Lemos -a outra na capital catalá coa participación de emigrantes galegos- para reclamar a recuperación dos servizos ferroviarios suprimidos co pretexto da pandemia. No concreto, o BNG demanda a recuperación dos trens-hotel, un servizo de tren nocturno que unía a Galiza con Madrid e Barcelona, así como a que xa foi suprimida previamente que conectaba con Irún.
Tanto na capital ferroviaria da Galiza como na capital catalá, a organización nacionalista convocou mobilizacións para exixir ao Goberno do Estado a recuperación de todos os servizos ferroviarios suprimidos pola pandemia. “O BNG entende que o ferrocarril é o medio de transporte do futuro: o máis sustentábel, eficaz, eficiente e ecolóxico. De maneira especial nos traxectos grandes” subliña o deputado nacionalista.
Neste sentido, o Néstor Rego destaca que estas mobilizacións se están a realizar sobre todo “para a recuperación dos servizos ferroviarios nocturnos”. No concreto, continúa o deputado do BNG no Congreso, os trens-hotel que conectan a Galiza con Madrid e Barcelona, cidades habitadas por millares de emigrantes galegos e galegas que empregaban este servizo ferroviario de maneira habitual, entre outros usuarios e usuarias.
“A política de recortes está a provocar un grave prexuízo nas comarcas do sur de Galiza, a destacar Lugo sur e as terras de Valdeorras, en Ourense. Pedimos, nestas mobilizacións, que se recuperen estes servizos ferroviarios nocturnos” avanza Rego. Neste sentido, lembra o deputado nacionalista, existe un compromiso de RENFE -asinado en 2021- para restabelecer os servizos suprimidos pola pandemia, mais “destes trens-hotel non volvemos ter novas”.
“Resulta inconcibíbel”, continúa Néstor Rego, esta situación no Estado español nun contexto onde “tanto a Unión Europea como numerosos estados membros están a potenciar o tren como medio de transporte prioritario”. Estas actuacións están a implicar tamén o “rexurdimento dos trens-hotel nocturnos”.
Servizos de longa distancia tamén para vertebrar o interior da Galiza
Alén do máis, a organización nacionalista entende que este servizo tamén é un “elemento dinamizador socioeconómico” das comarcas do interior do País. “Estes servizos ferroviarios nocturnos permitían conectar usuarios e usuarias chegadas de Madrid ou Barcelona mais tamén ofrecía a posibilidade de conectar as diferentes vilas do sur de Lugo, ou mesmo a comarca de Valdeorras, entre si e coa cidade de Ourense” subliña Néstor Rego.
Mobilización convocada en Barcelona pola emigración galega
Na mesma dirección que a concentración convocada en Monforte de Lemos, Barcelona e, concretamente, a estación de ferrocarril de Sants tamén foi protagonista na xornada. A emigración galega na capital catalá mobilizouse, xunto co responsábel local do BNG en Monforte de Lemos, Manuel Luaces Fernández, a prol da recuperación deste servizo ferroviario “fundamental para millares de galegos e galegas que están na emigración”.