Congreso

Néstor Rego defenderá no Congreso a "igualdade legal e real das linguas"

Néstor Rego e Marcos Maceira
Néstor Rego e Marcos Maceira
O BNG anuncia que levará ás negociacións previas e ao pleno as demandas do manifesto "Igualdade lingüística"

O deputado electo do BNG, Néstor Rego, comprometeuse hoxe a defender a igualdade legal e real das linguas e anunciou que apoiará, tanto nas xuntanzas previas como  no Congreso, os acordos do manifesto "Igualdade lingüística". Rego responde así á demanda da Mesa pola Normalización Lingüística de incluír o recoñecemento práctico e real da igualdade de dereitos e deberes das linguas propias en calquera acordo de goberno.  

Nunha visita á sede da Mesa pola Normalización Lingüística, Néstor Rego, anunciou que incluirá a igualdade real e legal das linguas nas propostas que o BNG levará ás xuntanzas que se desenvolverán para un posíbel apoio ao acordo de goberno así como na súa acción política no Congreso dos Deputados.

"O BNG defenderá a igualdade real das linguas, para a mellora da calidade democrática do Estado. Concordamos coas propostas e reclamaremos un compromiso efectivo do Estado no proceso de normalización lingüística", apuntou Néstor Rego despois da xuntanza co presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira. 

Anunciou o que será deputado do BNG no próximo pleno do Congreso que defenderá tanto nas reunións previas que se inician a semana próxima como na propia cámara "os acordos que recolle o manifesto "Igualdade lingüística" a favor da liberdade, a pluralidade e a democracia para que todas as persoas teñan os mesmos dereitos e deberes e  deixen de existir os privilexios para quen utiliza o castelán".

Néstor Rego apuntou que "os cidadáns e as cidadás da Galiza teñen que ver recoñecido o dereito de usar a nosa lingua que é un dereito humano esencial. Estamos a falar de democracia, de respectar a pluralidade lingüística que existe, a comezar pola igualdade legal porque hai que lembrar que a Constitución non sitúa as linguas no mesmo nivel e ao castelán recoñécelle o dereito de usar e a obriga de coñecer a ao galego só o dereito para ser usado".

Apuntou así que é necesario que a administración do Estado mude a súa posición a respecto das linguas distintas ao castelán en moitos ámbitos e, entre outros, citou o uso na administracion periférica, que se tome en conta o perfil lingüístico á hora de acceder á administración pública dependente do Estado ou que os medios de comunicación públicos "sexan conscientes de que se están nun estado plurilingüe e, polo tanto, teñen a obriga de incluir nos contidos tanto a cultura que se realiza en galego como en español, catalán ou euskera o que infelizmente non acontece".

"Prometemos en campaña que a nosa sería unha voz que se sentirá pola garantía dos dereitos e contra a involución democrática e, nese sentido, o dereito a usar a lingua propia é, para nós, un indicador claro da calidade da democracia en que vivimos e, polo tanto, comprometémonos agora a incluílo na axenda política do Congreso", sinalou Néstor Rego.

O manifesto foi presentado no pasado mes de outubro en pola Normalización Lingüística ademais doutras organizacións de defensa das linguas como Kontseilua (eúscaro); Plataforma per la Llengua, CIEMEN, Omnium cultural e Acció Cultural del País Valenciá (Catalán); Iniciativa pol asturianu (Astrurias); e Nogara (aragonés). O texto denuncia a situación de desigualdade das linguas diferentes do castelán no Estado español e propón ás institucións e partidos políticos medidas para garantir o cumprimento de documentos como a Carta europea das linguas rexionais ou minorizadas, a Declaración universal dos dereitos lingüísticos ou o Protocolo para a garantía dos dereitos lingüísticos.

As entidades asinantes promoven a iniciativa para garantir o dereito á utilización da lingua propia e eliminar "as discriminacións por razón de lingua que aínda en 2019 contan con amparo legal no Estado español". Sinalan tamén que coa nova lexislatura nas Cortes xerais "ábrese unha nova posibilidade de avance democrático no ámbito dos dereitos lingüísticos" e piden o compromiso das forzas políticas democráticas que hoxe xa confirmou o BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG