A undécima edición do Festigal ábrese este martes 24 no Campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela cunha potente oferta musical e cultural. A música tradicional de Zurrumalla e a rapeira AID escoitaranse á tardiña no Café Concerto, onde se poderá desfrutar tamén de 1 hora de audiovisual adicada ao Festival de Cans coa proxección de Dúas letras e O Xigante, curtametraxes premiadas na edición deste ano, e O ano que saimos na CNN, que resume en 21 minutos a marabillosa experiencia deste singular festival galego de cine.
ÁS 11 da noite comezará o primeiro dos Concertos do Festigal 2012: será o turno do rock de serie B de ATAQUE ESCAMPE; das influencias musicas galegas, balcánicas, rusas, francesas ou italianas da BANDA CREBINSKY; do reggae e punk electrónico dos franceses LA PHAZE e do rock de ZËNZAR.
Os FOLERPAS poñerán música á zona de xantar e ao recinto do Festigal onde todo tipo de públicos poderán desfrutar das feiras do libro, asociacións ou artesanía asi como dunha zona con xogos adicada á xente cativa.
A Galería das Letras acollerá un recital de poesía galego-portuguesa e a presentación de diversos libros entre as cinco da tarde e as dez da noite. Camilo Nogueira falará ás 19:15h da súa obra A Rota do Sol acompañado pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda e polo director da Fundación Galiza Sempre, Xabier Macías. A continuación será a quenda de As rapazas de Xan presentado polo autor, Manuel Iglesias Turnes e máis polo editor Manuel Bragado.
Debates, ideas
O debate na Galería das Ideas comezará ás 8 da tarde. Alfredo Pereira, Presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común; Xesús Asorey, da Asociación Galega de Apicultores; un representante de ADEGA e a deputada do BNG Isabel Sánchez Montenegro falarán sobre O valor e a necesaria defensa dos recursos naturais.
O Festigal continuará o 25 de xullo cunha nova xornada de lecer e oferta cultural e musical.
O programa completo pódese descargar aquí e se queredes terdes máis información dádevos unha volta por esta ligazón.