Mulleres expulsadas da Cámara por berrar "Aborto libre e gratuíto"

As mulleres expulsadas asistían ao debate parlamentario da Proposición non de lei asinada polo BNG-AGE e PSdeG contra á modificación da lei do aborto impulsada polo ministro Gallardón

 Pleno-. Un grupo de mulleres convidadas polos tres grupos da oposición ao debate parlamentario da Proposición defendida conxuntamente polo BNG-AGE e PSdG contra a modificación da lei do aborto, foron desaloxadas hoxe do Parlamento galego tras berrar “aborto libre, a muller decide”.

As mulleres expulsadas e posteriormente identificadas polos servizos de seguridade da cámara, foron informadas dunha posible sanción por interromper a sesión plenaria.

Ao remate do debate parlamentario, o grupo de mulleres feministas lanzaron nas bancadas do público confetti co texto “a liberdade de ser nai pasa pola liberdade de non selo, aborto libre, a muller decide” permanecendo o pleno suspendido varios minutos.

As deputadas do BNG-AGE e PSdG coas mulleres expulsadas

As deputada do BNG-AGE e e PSdG acompañaron ao grupo de mulleres expulsadas ata as inmediacións do Parlamento galego ao fin de reunirse cun nutrido grupo de mulleres que coreaban as mesmas consignas de protesta por unha modificación que non respecta os dereitos das mulleres na súa saúde sexual e interrupción voluntaria do embarazo.

A parlamentaria do BNG, Carme Adán lamentou que o Parlamento galego, “lugar onde reside a soberanía d@s cidadáns”, expulsara as representantes das plataformas contrarias á modificación da lei do aborto e denunciou que “o Parlamento peche as portas ás mulleres e ningún membro do Goberno asista ao debate”.

A deputada nacionalista asegurou que o Partido popular segue facendo “un uso partidista” dunha lei que compete aos dereitos e decisións das mulleres e criticou que os conservadores continúen defendendo o dereito a vida cando en realidade “non o garanten” nas políticas que aplican.

O pensamento de Mary Wollstonecraft e Rosalía de Castro presentes no debate parlamentario da lei do aborto

Carme Adan rematou a súa intervención mencionando á escritora inglesa e iniciadora do pensamento feminista, Mary Wolltonecraft quen afirmaba que “os dereitos das mulleres implican o desenvolvemento dunha sociedade”, non en termos económicos senón de “moral e cidadanía” ao igual que defendeu, dixo, Rosalía de Castro, que na súa obra tentou fundamentar este principio. Hoxe, engadiu, tamén necesitamos a realización dos dereitos das mulleres.

A nacionalista concluíu a súa intervención manifestando que o PP debe votar por un dereito da muller a decidir libremente sobre a súa maternidade e pediu a tod@s os deputad@s do Partido popular que exerceran “a liberdade de voto” nesta materia.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG