- A candidata do BNG polo Salnés defendeu que Galiza debe contar con financiamento propio para atender a loita contra o consumo de drogas e as súas consecuencias
- Sinalou que se non se detectan alixos “é pola falta de medios” e que é preciso ter recursos acordes coa magnitude do narcotráfico no país
A candidata número dous do BNG pola provincia de Pontevedra, Montse Prado, criticou hoxe nun encontro con representantes da Fundación Galega contra o Narcotráfico que o Partido Popular de Feijóo “deixou case a cero os recursos para atención e prevención á drogodependencia”. Prado destacou que a Xunta de Galicia ten competencia tanto na prevención como na atención, se ben nos últimos anos o PP foi minorando as actuacións de información e educación de xeito “indecente”, impedindo unha aposta por unha cultura de ocio non vencellada ao consumo, e prestando tamén unha atención insuficiente ás persoas consumidoras.
Prado manifestou a coincidencia entre as reclamacións presentadas pola Fundación e o BNG, e destacou que a loita contra o narcotráfico débese realizar dende dúas vertentes: a da prevención e atención á drogadicción, no que a situación galega é “moi criticable”, e a da loita contra as redes de contrabando que seguen a operar no país.
No primeiro ámbito, a parlamentaria subliñou que o BNG solicitou no Parlamento galego en múltiples ocasións máis fondos para o desenvolvemento de ocio alternativo. Destacou que o PP fixo “oídos xordos” e descargou nos concellos e entidades as súas responsabilidades. Por este motivo a candidata destacou que é preciso que Galiza conte co seu propio financiamento para atender servicios fundamentais para a cidadanía, xa que, ata o día de hoxe, dependemos “dun modelo centralizador que resulta totalmente insuficiente para garantir necesidades con garantía de calidade”.
Por outra banda, Prado destacou que resulta “evidente” que as redes de narcotráfico seguen a operar no noso territorio. Subliñou que a crise foi un caldo de cultivo para aqueles que non tiñan saídas laborais e caeron nesas tramas para intentar saír adiante economicamente, polo que puxo sobre a mesa o compromiso do BNG de traballar arreo no incremento de recursos de loita contra o narcotráfico.
“Precisamos recursos acordes coa magnitude da situación. Se non se incautan máis alixos é porque non hai medios para levar adiante máis investigacións nin obter informacións. Atopámonos con que cada vez temos menos recursos porque estes se destinan a outros departamentos ou a outras zonas do estado, como as lanchas que marcharon de Vilagarcía para Baleares e Barcelona”, sinalou. Asegurou que o BNG traballará para esixir máis medios que permitan a detención e condena dos narcos e a incautación dos alixos e dos patrimonios. Neste sentido destacou que os bens incautados deben reverter no benestar social das zonas máis afectadas pola existencia desas redes de tráfico de drogas.