A deputada do BNG, Montse Prado manifestou hoxe que ao contrario do discurso da Conselleira, os orzamentos de Pesca e Marisqueo non recollen as demandas do sector, “os seus problemas e preocupacións. Para a deputada as contas para o 2018 manteñen moita literatura na súa memoria sobre a importancia do sector pero “non concretan accións reais, precisas e necesarias” para o seu impulso e desenvolvemento.
Na súa intervención, a parlamentaria nacionalista fixo fincapé na baixa execución dos orzamentos e preguntou como é posible que a finais do terceiro trimestre, teñan sen executar o 93% do programa no que se contempla entre outros obxectivos, “ a mellora e calidade dos recursos marisqueiros, a xestión dos bancos marisqueiros mediante a reinstalación de moluscos procedentes de zonas afectadas por contaminación mocrobiolóxica, recuperar as zonas para o mantemento da biodiversidade e abordar a baixa produción marisqueira”.
Como é posíbel que a pesar do “desastre” que supón a campaña do libre marisqueo na ría de Arousa por falta de recurso, baixa nas rendas e con menos dun terzo das embarcacións con Permex para faenar non se realicen actuacións nestes bancos e o 79% do programa non fora executado.
Por outra parte, tamén preguntou como pode estar só executado o 3.19% do programa de infraestruturas pesqueiras, cando son urxentes actuacións nesas infraestruturas para que o sector poida realizar a súa actividade con dignidade.
PESCA VOLVE A APOSTAR POLA ACUICULTURA
Montse Prado replicou á conselleira de Pesca e Marisqueo, Rosa Quintana que os orzamentos reflicten unha “nova aposta pola acuicultura”, co incremento da partida para este sector que ascende a 35 millóns de euros. “Fondos públicos para fomentar e favorecer a introdución de capitais alleos no sector pesqueiro, alleos ao modelo tradicional e propio de Galiza”. Vostedes, dixo, “lexislan para entregarlle un ben público, as nosas rías, para financiar estes proxectos” e entretanto, “baixa a partida para a produción”, desaparece o seguro de mal tempo, que xa tiña unha dotación raquítica con 200.000 euros e non contemplan o relevo xeracional, “a escasa partida consignada en 2017 con 500.000 euros é rebaixada a 350.000”.
5 anos despois de comezar o desastre co berberecho, da aparición do parasito que está acabando con el, non existe ningunha previsión para facerlle fronte. Non hai proxectos para recuperación de bancos marisqueiros, para a cría de semente, en suma para mellorar as rendas e o número de persoas que se poidan dedicar ao marisqueo, apostilou.
A parlamentaria concluíu lamentando que un ano máis a consellería presenta uns orzamentos “decepcionantes” que non dan resposta ás inquedanzas do sector.