A portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, denunciou no Parlamento galego a sistemática vulneración dos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes no ámbito sanitario, un feito que, segundo recalcou, vén afondar na grave situación na que as políticas do PP teñen inmerso ao sistema público de saúde, “ao bordo do precipicio”, cunha Atención Primaria “onde non fan máis que aumentar as voces de alarma do risco de colapso” e coa hospitalaria nunha situación insostíbel, tal e como demostra a recente denuncia das e dos internistas.
“Nin unha sanidade pública galega, nin unha sanidade pública en galego”, recriminou Prado a modo de resumo logo de explicar que -neste grave contexto e tendo en conta ademais a gran importancia do respecto lingüístico no ámbito sanitario, dada a vulnerabilidade das persoas que acoden a el- a Consellería de Sanidade concentra o 54% das denuncias rexistradas en 2021 na Liña do Galego da Mesa pola Normalización Lingüística que están dirixidas á Xunta, administración que acapara ademais máis da metade das denuncias contra o conxunto de administracións.
Nunha pregunta parlamentaria, a deputada do Bloque exemplificou coa denuncia dun doente no Hospital Álvaro Cunqueiro, ao que se lle negou a documentación en galego para someterse a unha intervención e mesmo chegou a ser expulsado do centro logo das súas protestas, feitos que recoñeceu na súa resposta o xerente do Sergas. “Non estamos diante de casos illados -alertou- xa que o Sergas é un dos organismos públicos que máis denuncias recibe cada ano da cidadnía por vulneración de dereitos lingüísticos”.
Neste sentido, recordou que as denuncias na Liña do Galego fronte a Sanidade pasaron de representar o 12% do total da Xunta ao 54% en tan só tres anos e salientou que no que vai de 2022 a tendencia mantense, xa que “das 52 queixas recibidas sobre o trato coa nosa lingua na Xunta, 25 son referidas á Consellería de Sanidade”.
Prado incidiu en que esta situación é inadmisible xa que a Administración galega, encargada de velar polos dereitos lingüísticos dos galegos e das galegas e de normalizar o uso da lingua propia en todos os ámbitos, “é a principal incumpridora” e porque, ademais, no ámbito sanitario estes ataques lingüísticos cobran especial relevancia dada a vulnerabilidade na que se atopan as persoas que precisan de atención sanitaria, acoden a realizar unha proba diagnóstica ou unha intervención cirúrxica.
Neste sentido, a portavoz parlamentaria de Sanidade esixiu ao Sergas que “rectifique e garanta materialmente o exercicio do dereito á información e á atención en galego nun ámbito tan básico como o sanitario” e, neste sentido, avogou por normalizar a presenza do galego nos centros sanitarios (na atención tanto presencial como telefónica, nos informes, nos consentimentos informados ou na sinaléctica), por realizar todas as actuacións formativas neste sentido entre as e os profesionais sanitarios ou a esixencia ás empresas coas que se ten externalizados servizos e prestacións para que garantan o cumprimento dos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes.