A deputada do BNG por Pontevedra, Montse Prado aludiu hoxe ao Informe AROPE sobre o estado da pobreza para replicar ao conselleiro de Política Social, X.M Rey Varela que os orzamentos do ano 2018 non contemplan medidas destinadas as cerca de 690 mil persoas galegas en risco de pobreza. “Unha hemorraxia non se tapa cunha tirita” e as súas contas, manifestou, “van nesa dirección”.
O informe, explicou Prado, recolle os datos aportados por diversos organismos, “agás os da Xunta de Galiza que unha vez máis, facendo gala de falta de transparencia e opacidade declina aportar a información requirida”.
A parlamentaria negou as afirmacións do conselleiro sobre a diminución das desigualdades grazas á recuperación económica. “O informe confirma que non é así”, e concretamente co colectivo das mulleres das que unha gran parte ingresan menos de catro mil euros ao ano, remarcou.
O informe do CES tamén abonda na estabilidade nas cifras da pobreza durante o ano 2016, “alonxadas das cifras macroeconómicas”. A saída da crise só beneficia a uns poucos pero a maioría seguen padecendo efectos moi negativos nos salarios e condicións de precariedade e estes orzamentos deben reflectir a realidade para mellorala.
DISCAPACIDADE E DEPENDENCIA
Sobre este asunto lembrou que o gran problema reside no tempo de espera das persoas que deben ser avaliadas por dependencia ou discapacidade, espera que oscila entre 3 e 18 meses respectivamente. Unha persoa que non conta coa preceptiva avaliación non percibe prestación e iso, só se pode resolver incrementando medios pero sobre todo persoal para rebaixar “de maneira eficaz” as listas de espera.
Neste sentido, afirmou que os orzamentos non contemplan o incremento de persoal e advertiu que esta medida repercutirá moi negativamente nas avaliacións de discapacidade e dependencia.
Respecto ás pensións non contributivas criticou a rebaixa na partida do ano 2016 e recalcou que este ano mantén a mesma contía a pesar de que as pensións por viuvez en Galiza, “son as máis baixas do Estado” e as xerais están por debaixo das de Estremadura.
Sobre o plan de residencias asegurou que o goberno anuncia novas infraestruturas cando en realidade aínda non están en funcionamento as proxectadas hai anos ao que sumou os centros de día e escolas infantiles.
Para a deputada, o Partido popular está a articular un modelo en servizos sociais que privilexia as “empresas privadas”. O 78,6% de prazas en residencias “son privadas” e en centros de día o 40%.
A parlamentaria rematou preguntado se Galiza está atendendo axeitadamente ás persoas dependentes polo que pediu máis investimento neste ámbito. Vai reclamarlle ao Estado 150 millóns de euros que debe a Galiza e esixir que se faga cargo do 50% en gastos de dependencia?, concluíu.