Parlamento Galego

Monte Prado insta á Xunta a actuar de urxencia na Ría de Ferrol para recuperar o marisqueo

Montse Prado
Montse Prado
Denuncia que o Goberno galego ignora o acordo aprobado no Parlamento en relación as medidas a tomar tras o accidente do Blue Star

A portavoz parlamentaria de Pesca, Montse Prado, pediu ao Goberno do PP que dunha vez por todas actúe e tome as medidas necesarias para recuperar a Ría de Ferrol, e con ela a produción marisqueira que caeu en picado nos últimos anos ante a inacción do Executivo de Feixóo para levar a cabo o saneamento integral desta ría.

“A situación é cada vez peor e hoxe a produción marisqueira e apenas un 10% do que era, tanto na modalidade de a pé como a flote, e afecta a case todas as especies, en particular no caso da ameixa babosa e a ameixa fina”, explicou a deputada, o que se traduce na perda de centos de empregos e no feito de que as persoas que aínda practican o marisqueo “sobreviven con ingresos que apenas cobren gastos e se ven forzadas a baixas prolongadas”.

A maioría dos bancos están altamente degradados por anos de vertidos sen control, a depuración das augas residuais mellora a calidade das augas do mar permitindo a comercialización, mais non recupera os bancos marisqueiros sepultados polos lodos dos vertidos. En particular o banco marisqueiro das Pías, o mais importante da ría, apenas ten produción e das mais de 200 embarcacións diarias de comezos desta década, na actualidade apenas sobreviven unha ducia cada día.

“Once anos despois o PP non ten solucionado ningún dos problemas desta ría”, denunciou Prado, botando man dos datos para destacar a situación crítica que viven as confrarías afectadas. Por exemplo, na de Barallobre e coa ameixa babosa, a produción pasou de 157.830 quilos en 2015 aos 14.000 actuais,  é dicir, 143.840 quilos menos.

Esta situación pon en risco tamén a viabilidade das confrarías. Por seguir co exemplo de Barallobre, a facturación pasou de 2,5 M€ en 2014 a menos dun millón de euros en 2019. En canto á cifra de asociados pasou de 200 a 125 e, destes, non chega ao 40% os que saen a faenar, porque o que facturan apenas cubre gastos “o que motiva un abandono da actividade”, alega Prado.

Por iso, a deputada nacionalista urxe a tomar medias con celeridade e en colaboración coas confrarías, “para poder obter o maior rendemento posíbel, contando cos técnicos e biólogos da Consellería, así como tamén coa colaboración da estación de bioloxía mariña da Graña”. “E preciso comezar canto antes para evitar un deterioro maior, o peche de entidades e a práctica desaparición do marisqueo da ría de Ferrol”, reclamou en sede parlamentaria.

Prado tamén levou á comisión de pesca o acordo aprobado polo Parlamento a proposta do Bloque tras o accidente do Blue Star, para denunciar que, dous meses despois, a Xunta aínda non fixo ningún avance.

Axudas pendentes

Ese acordo recollía a remisión á Cámara dun informe detallado do accidente na ría de Ares, aclarar como foi a toma de decisións e a cadea de mando, cando se activou o dispositivo de salvamento marítimo, a relación institucional entre o Goberno do Estado é a Xunta ou que se vai facer co buque.

Igualmente, incluía o compromiso de manter informado de xeito permanente ao sector pesqueiro e marisqueiro eventualmente afectado, -confrarías  e agrupacións de Ares, Pontedeume, Miño, Sada, Lorbé e A Coruña-, e poñer en marcha todas as medidas precisas para garantir a protección do ecosistema mariño e a actividade produtiva pesqueira  e marisqueira da ría de Ares.

Ademais, o acordo recollía a posta en marcha das accións precisas, incluídas liñas de axudas, para garantir as rendas do sector pesqueiro e marisqueiro da ría de Ares, diante da comunicación ás confrarías da prohibición de  faenar a menos dunha milla do lugar no que está embarrancado o Blue Star.

E, por último, esixir a garantía de dotación de medios, sistemas e protocolos de control para enfrontar calquera incidente ou accidente marítimo que se poida producir no futuro na ría de Ares, na súa condición de zona de servizo ou fondeadoiro dos portos de A Coruña e Ferrol.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG