- Denuncia a responsabilidade do PP que estivo no Goberno local durante anos sen facer nada por corrixir o deterioro progresivo da infraestrutura
- O BNG demanda unha aportación de 70.000€ para sumar aos 100.000 da Deputación da Coruña
O deputado pola Coruña, Xosé Luís Rivas, levou ao Parlamento o deterioro progresivo da Ponte da Garga, en risco de derrubamento-, que comunica os núcleos de Anllòns e A Garga no concello de Ponteceso, e solicitou do Goberno galego unha aportación de 70.000 € para sumar aos 100.000 que aporta a Deputación da Coruña.
O BNG reclamaba este investimento a través da Dirección xeral de Patrimonio, -dado o evidente valor patrimonial da ponte e a solicitude de declaración de BIC-, e tendo en conta as dificultades económicas do Concello cunha débeda de 5,5 M€ derivada da xestión dos anteriores gobernos locais do PP, que lle imposibilita facer a achega económica para completar o orzamento necesario para a rehabilitación.
Rivas foi moi crítico ante a negativa do PP de aportar axuda algunha para a rehabilitación da infraestrutura, e advertiu que esa falla de cooperación da Xunta agudiza o deterioro da ponte que precisa unha reparación con urxencia.
“Vostedes fan o mesmo ca auga na ponte, minar, en lugar de colaborar e atender a petición das veciñanza para o que só se precisa 70.000 míseros euros”, -cifra minúscula sobre os 9.000M€ de orzamento anual da Xunta-, indicou Rivas.
O deputado lembra que o deterioro non se inicia co actual Goberno local, senón que leva anos fraguándose e xa empezou a facerse visible en 2005 tras as fortes riadas daquel momento.
“Teñen responsabilidade porque cando estiveron no Concello non fixeron nada, por iso lamentamos a insolidariedade do PP, sinto moito esa actitude sobre todo cando poderían actuar como cabaleiros e resolver un problema, ao peor é que non o son”, concluíu tras o debate das propostas do Bloque na Comisión parlamentaria de Ordenación Territorial.