O BNG pide a Xunta que non autorice a reapertura da mina de Touro que ten xerado gran alarma social
Mini Rivas critica un modelo de explotación mineira colonial contaminante, que xera valor engadido fora mentres deixa en Galiza o desastre ambiental
O proxecto inclúe a construción dunha balsa de 126 hectáreas, e un muro de contención de 81 metros de alto e 2,5 quilómetros de largo
O deputado pola Coruña, Xosé Luís Rivas, levou ao Parlamento a alarma social xerada ante a posible apertura da mina de Touro, e pide a Xunta que non autorice a posta en marcha dunha explotación mineira que reproduce un modelo contaminante e neocolonial propio do século XIX.
Tras denunciar que non se levou a cabo a necesaria restauración ambiental e paisaxística durante a anterior etapa de explotación ata 1986, Rivas advirte que a concesionaria solicita a reapertura coa pretensión de seguir explotando os mesmos xacementos e outros limítrofes. En concreto, 689 Has, o 70% de nova afectación.
“Vai afectar a case 500 Has de terreos agrícolas e forestais nunha zona que conta cunha das explotacións gandeiras máis amplas do país e con industrias de transformación de prestixio”, alegou Rivas na súa intervención parlamentaria.
O deputado denunciou que a maior alarma social ven provocada pola megabalsa de 126 Has de extensión, un muro de 80 metros de altura e 2,5 quilómetros de lonxitude, “que almacenará estériles altamente contaminantes, ao que se suma unha escombreira de material xerador de acidez de 46 hectáreas”, explicou Rivas.
Pese aos prexuízos par as localidades afectadas, “non se contempla no proxecto ningunha compensación económica que palíe os impactos negativos que se van producir tanto na fase de explotación, polos efectos propios dun proxecto mineiro que devalará tódolos inmobles e terreos da comarca”, explicou.
Rivas apelou á responsabilidade da Xunta para impedir este proxecto e lamentou a sensación de “tomadura de pelo” por parte do Goberno do PP, “porque estamos a falar dunha riqueza que pertence a unha sociedade que non vai aproveitala pero, pola contra, vai quedar coa contaminación, coa deprezación da comarca, mentres a concesionaria vai levar 350.000 toneladas de cobre que nin sequera se vai transformar aquí”.
“É obriga do goberno asegurar que non consentirá que a riqueza do noso solo sexa espoliada sen contrapartida razoable, e neste caso non a hai”, concluíu.