O BNG esixe ao PP que non autorice a reapertura da mina de Touro cun modelo semellante ao de Corcoesto
Rivas: “Estamos ante o mesmo esquema de Corcoesto, espolian o mineral, xeran o valor engadido fora e aquí deixan un desastre ambiental”
O proxecto inclúe a construción dunha balsa de 126 hectáreas, e un muro de contención de 81 metros de alto e 2,5 quilómetros de largo
O BNG pide á Xunta que non autorice a reapertura da mina a ceo aberto de Touro, posibilidade que ten provocado unha grande alarma social entre a veciñanza dos concellos de Touro e O Pino, pois o proxecto que se presenta mantén un modelo de explotación contaminante e colonial dos recursos mineiros, “un modelo obsoleto e propio do século XIX”, en palabras do deputado pola Coruña Xosé Luís Rivas.
“Estariamos repetindo o mesmo esquema que se falaba en Corcoesto, que se falaba na Terra Chá ou o que estamos falando con ERIMSA en Mesía, Ordes, Oroso e Frades. Sempre é o mesmo, lévase o mineral, non se crea riqueza nin valor engadido aquí, e deixase un desastre medioambiental”, denunciou o deputado.
A día de hoxe, existe un plan de reapertura, que pasou o prazo de alegacións e que afecta a 669 hectáreas, - 500 de uso agrario-, e están en xogo explotacións gandeiras e varias queixerías, “así que estamos falando de actividades de transformación das que o sector agrario está tan necesitado”, salientou Rivas.
A reapertura implica tamén a construción dunha gran balsa para albergar os restos que queden unha vez extraído o material, -a previsión é acadar 350.000 toneladas de cobre, o que implica mover moitas máis hectáreas que se converterá en material contaminado-. Esa balsa ocuparía unha extensión de 126 hectáreas de superficie, e a construción dun muro de 81 metros de alto, -subindo a rasante de núcleos de poboación-, e de 2,5 quilómetros de largo.
“Estamos falando de materiais altamente contaminantes e pesados, de gran acidez, que afectan a terreos e acuíferos”, denunciou Rivas, tras recalcar que o BNG non está en contra da actividade mineira, pero sempre que sexa con todas as garantías e en beneficio do país.
“Do que si estamos en contra é dunha actividade espoliadora, porque o que estamos falando con este proxecto e que van sacar 350.000 toneladas de mineral a un 23% de riqueza de cobre, que será procesado fora de Galiza, mentres que os restos que quedan serán enclaustrados na balsa”.
Na descrición da situación actual da mina, Rivas denuncia que non se levou a cabo a restauración prevista da explotación durante a etapa anterior (1973-1986), antiga mina que agora está sendo utilizada como depósito de materiais de todo tipo. “Quedou todo manga por ombro contaminado por materiais pesados orixinados da extracción do cobre, contaminación que chega ao río Ulla”, explicou o parlamentario.
Neste sentido, Rivas avanza que o Bloque vai levar este tema ao Parlamento, para impedir que se repita un novo exemplo de “minería neocolonial propio do século XIX”, concluíu.