O BNG fixo hoxe públicas da man do cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, as súas propostas en materia de fomento da bicicleta como forma de mobilidade saudable e sustentable e tamén como actividade deportiva, de lecer e cicloturística, “na que participan moitos milleiros de persoas e que ten moito tirón no noso país”.
O nacionalista realizou un percorrido pola vila do Lérez acompañado de familiares e amigas e amigos e, lembrando que esta semana se celebrou o Día Mundial da Bicicleta, destacou que a proposta estrela da batería de medidas é a creación dunha Mesa Galega pola Mobilidade Ciclista. Subliñou que este novo órgano deberá ter representación a Xunta de Galicia, os concellos, as deputacións, a Dirección Xeral de Tráfico, as asociacións e clubes ciclistas e tamén da Federación Galega de Ciclismo, e terá como obxectivo acordar e impulsar liñas de actuación da Estratexia Galega de Fomento da Bicicleta e tamén elaborar o Plan Director de Mobilidade Ciclista, así como coordinar as actuacións das diferentes administracións.
Outra das apostas do grupo nacionalista, indicou o candidato, é adoptar medidas concretas de fomento da mobilidade ciclista tanto en vías interurbanas como nas vías urbanas, como a creación de vías ciclistas seguras para facilitar mobilidade sustentable entre concellos e tamén para activar a actividade deportiva e cicloturística. Tamén puxo sobre a mesa a necesidade de mellorar a seguranza viaria establecendo como velocidade máxima 30 quilómetros hora nos núcleos urbanos e tamén nas travesías, así como de dotar de estacionamentos para bicicletas os lugares de interese turístico, as zonas urbanas e tamén os equipamentos públicos.
En canto ao ámbito do cicloturismo, que segundo recoñeceu move moitísimas persoas e tamén supón un importante movemento económico, o BNG propón o fomento de vías verdes para uso ciclista e cicloturista e tamén impulsar a rede Eurovelo, concretamente a ruta 1 da costa Atlántica, que vai desde Noruega ata Portugal e que nestes momentos non pasa por Galiza, “seguindo a estela do que xa está impusando a Deputación de Pontevedra”, ampliando a creación desta ruta da Rede Eurovelo dende A Guarda ata Ribadeo.
Por último, Bará sinalou que o BNG impulsará dende o Goberno unha Lei Galega de Mobilidade que prestará especial atención á mobilidade natural -tanto á peonil como en bicicleta- e colaborará cos concellos e deputacións na elaboración de plans municipais e comarcais de mobilidade sustentable.
Bará destacou que todas estas propostas poderanse desenvolver logo do 12X cando se produza un cambio galego na Xunta de Galiza da man do BNG que permita deixar atrás todas as políticas paralizantes do PP nos últimos once anos. “Nos concellos e nas deputacións onde goberna o BNG hai un modelo claro de mobilidade, de aposta pola mobilidade natural, sustentable, e pola creación de espazos públicos nos que se poida convivir con calidade de vida. Ese modelo é o que queremos trasladar á Xunta”, subliñou.