A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno galego, formulada polo deputado do BNG, Luís Bará sobre o desenvolvemento da lei de política galega e a demanda ao Goberno central das competencias de Tráfico, circulación de vehículos e seguridade cidadá, o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva respondeu que a Xunta non renuncia a novas competencias pero sempre que sexan útiles e financiadas.
Para o nacionalista, a resposta de Villanueva, evidencia o “xesto cara a galería” do Partido popular e do propio Núñez Feixóo sobre o tope competencial en ámbitos como os xa transferidos a Euskadi e Catalunya. Agora, dixo, “déronlle o toque desde Madrid” e hai que “repregar velas e dar marcha atrás”.
Bará criticou que o Parido popular galego, no goberno dende o ano 2009, non conseguira ningunha transferencia, o balance é “cero patatero” a pesar do goberno amigo de Raxoi e co que sería máis fácil, supostamente, negociar as transferencias. A súa vontade política para conseguir algunha competencia para Galiza, recalcou é “cero” e os seus anuncios agora chocan cos feitos.
O PP utiliza a escusa dos orzamentos para xustificar a falta de transferencias e insistiu en que o BNG xa denunciou publicamente “o agravio” dos orzamentos do Estado con Galiza. No vindeiro pleno, explicou Bará, teremos oportunidade de debater sobre esta cuestión porque os investimentos e a reclamación de transferencias “non son incompatibles, son complementarias”. Transferencias si, repetiu Bará pero tamén orzamentos “xustos e non discriminatorios para Galiza.”
O deputado recriminou ao director xeral de emerxencias que tentara xustificar que as competencias en Tráfico non son necesarias nin o desenvolvemento da Lei de policía. Os datos de seguridade viaria e accidentes son en Galiza “extraordinariamente preocupantes” e a Xunta ten neste ámbito moita responsabilidade.
Despois da súa intervención, dixo Bará, queda claro que o goberno non ten intención de avanzar. Vostedes están actuando como un “goberno paria” e aceptando a doutrina “da marcha atrás e da recentralización”. Non escoitei ningunha voz en contra das palabras de Casado cando propón recentralizar competencias, vostedes, sentenciou, “apoian ese discurso, o discurso da recentralización de competencias”.