A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno sobre a prorroga concedida a ENCE, o deputado do BNG, Luís Bará pediu ao PP que condenara “os ataques e ameazas” contra a concelleira do BNG en Pontevedra, Carme da Silva aparecidas na fachada da súa casa.
Na exposición sobre a prorroga concedida polo Goberno en funcións de Mariano Raxoi a ENCE, Bará lembrou que no ano 2012, en plena crise económica e cun desemprego do 27% en Pontevedra, o Partido popular defendía “o abandono de ENCE do seu actual emprazamento”. Vostedes, dixo, dedícanse a “enganar e xogar cos postos de traballo” dunha empresa con autorización só até o ano 2018, antes da prorroga.
Sobre o argumento do emprego utilizado polo Partido popular para xustificar a permanencia de ENCE na ría de Pontevedra, Bará retrucou que a ría “é unha fábrica de postos de traballo” e con suficiente riqueza para xerar unha grande actividade económica e polo tanto, con moitos máis postos de traballo dos que existen na actualidade. Por outra parte, engadiu, o monte galego pode xerar máis traballo do que ofrece ENCE e con máis calidade e garantías de futuro. Neste sentido, afirmou que no BNG, “non tragamos coas mentiras, manipulación, presións e chantaxes do Partido popular”.
Tras a intervención da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, o nacionalista criticou que non condenara “a campaña mafiosa de ENCE e o seu sindicato amigo” contra á concelleira Carme da Silva. ENCE, recalcou Bará, “pode ter moita pasta” e “paga a políticos servís e a estómagos agradecidos” pero Pontevedra “non paga traidores”, concluíu.