Galegas 2020

Luís Bará: “O novo goberno da Xunta dirixido polo BNG vai frear as privatizacións e apostar por unha sanidade pública, universal e gratuíta”

Encontro sanidade
Encontro sanidade
O cabeza de lista do BNG reuniuse hoxe cos sindicatos da área sanitaria de Pontevedra, aos que amosou o seu apoio fronte á privatización do servizo de mantemento do complexo hospitalario

O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, asegurou hoxe que un novo goberno da Xunta dirixido polo BNG vai frear as privatizacións e o deterioro dos servizos públicos e apostar por unha sanidade pública, universal e gratuíta para toda a poboación. Bará así o manifestou nun encontro cos sindicatos da área sanitaria de Pontevedra, aos que comprometeu o apoio da formación nacionalista fronte á privatización do servizo de mantemento que a Xunta prevé instaurar a través do contrato do ‘novo Montecelo’.

Bará, acompañado de Carmen Fouces e María Xosé Abilleira, manifestou a súa preocupación polos continuos pasos da Xunta na privatización da atención sanitaria. Subliñou que os servizos de mantemento do Complexo Hospitalario son unha ‘pinga’ máis no proceso de desmantelamento da sanidade pública en Pontevedra, polo que manifestou o apoio do Bloque á reivindicación dos sindicatos do comité de centro para que esa actividade esencial siga a ser un servizo de xestión pública. “Está claro que aquí hai unha operación para favorecer os intereses privados tanto na contratación da obra, na construción, como tamén na contratación do mantemento, cun contrato ponte de tres anos que, unha vez entre unha empresa construtora aí, será para sempre”, apuntou o cabeza de cartel.

Ante este novo paso cara a privatización, Bará destacou que as eleccións do vindeiro 12X teñen que servir “para pararlle os pés” ás privatizacións do Partido Popular na sanidade pública e nos servizos públicos que están degradando e deteriorando un servizo público fundamental tanto para a saúde como para a equidade da xente. Segundo dixo, é preciso reverter eses cambios e fortalecer os servizos sanitarios públicos e garantir que non se especule e se faga negocio coa sanidade pública e a saúde das persoas. “O que quedou claro nestes once anos é que na Xunta do Partido Popular está ao servizo das grandes empresas que están privatizando os servizos públicos, que entenden a sanidade como un negocio, e que incrementaron moitísimo o seu volume de negocio grazas aos gobernos do PP”, subliñou.

Bará destacou que é preciso e urxente aplicar xa un cambio de modelo fronte ás políticas privatizadoras do PP. Sinalou que a día de hoxe a sociedade ten comprobado a necesidade de que os servizos básicos como o sanitario estean fortalecidos dende as administracións sendo cento por cento públicos sen atender a intereses económicos, e asegurou que “un novo goberno da Xunta dirixido polo BNG vai frear as privatización e o deterioro dos servizos públicos e apostar por unha sanidade pública universal e gratuíta para toda a poboación”.

Bará insistiu que nestos momentos Galiza precisa un tempo novo e un cambio galego á fronte da Xunta para que goberne en beneficio da maioría social. Destacou que Ana Pontón é a líder que pode desbancar da presidencia a Núñez Feixóo cun proxecto claro de país que modernizará e traerá xustiza e equidade social á sociedade galega. Por iso instou aos sindicatos a seguir na súa loita e á poboación en xeral a mobilizarse o vindeiro 12X, xa que ao seu entender “hai partido” e “só se precisa un deputado máis por provincia para tumbar a maioría absoluta do PP”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG