O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, apelou hoxe -no inicio da campaña cara ao 12X- á mobilización do electorado, especialmente ao voto urbano, abstencionista e da xente moza. Afirmou que “hai partido” e que os votos da comarca de Pontevedra serán chave para rematar coa hexemonía do Partido Popular e abrir un tempo novo na Xunta.
Segundo destacou Bará, o Bloque inicia a campaña das eleccións do 12 de xullo “con grandes expectativas, con confianza, con decisión, e con moito optimismo porque hai moitos datos e sensacións moi favorables tanto nas enquisas como no ambiente”. Insistiu en que “non está nada decidido”, xa que abonda con que o Partido Popular perda un escano por provincia para mandalo á oposición.
O BNG, dixo o cabeza de cartel, é nestes momentos a referencia do voto do cambio, xa que “percíbese un crecemento espectacular, un medre imparable do BNG, con moita xente mirando para nós”. Destacou que as enquisas do CIS sitúan á forza nacionalista por riba do PSOE en intención directa de voto, e cunha candidata, Ana Pontón, moi ben valorada: “a nosa arma decisiva é o liderado forte, potente e atraente de Ana Pontón que é o verdadeiro liderado alternativo á dereita de Núñez Feixóo”.
“Tense que dar un resultado, un gran salto para Galiza que permita derrotar á dereita e tamén ao centralismo, poñer o nacionalismo na dirección do país e facer historia poñendo á fronte a unha muller nacionalista, a primeira presidenta da historia de Galiza, Ana Pontón”, dixo, lembrando que quedan dúas semanas de esforzo decisivas, recoñecendo que cada vez as campañas son máis importantes. “Ese obxectivo é necesario, pero tamén é posible se hai unha grande mobilización electoral, se hai un incremento da participación, sobre todo do voto abstencionista, do voto da xente moza, das vilas e cidades, que vai ser clave para a derrota do Partido Popular”, indicou.
Afirmou que “este non é tempo de resignación e de baixar a cabeza, é tempo de épica, de grandes ideas, de grandes valores e de grandes emocións. É o momento de facer unha grande campaña, de animar e de motivar e de mobilizar arredor do BNG de Ana Pontón que é nestes momentos a opción da esperanza e do futuro de Galiza. O que dicimos ao pobo galego, ás xentes de Pontevedra é que hai partido, que non hai nada decidido. Decídese todo o 12X nas furnas”, salientou.
Segundo dixo o candidato, o PP “está preocupado, está nervioso e nós estamos moi animados, motivados; saímos a gañar, imos a por todas... especialmente na comarca de Pontevedra”, afirmou, onde insistiu en que o obxectivo é disputar a hexemonía ao Partido Popular, dar un salto adiante de conseguir resultado histórico no que a comarca de Pontevedra sexa clave na derrota do PP.
En chave local para Pontevedra, de feito, Bará destacou que é preciso “empezar un tempo novo para esta comarca, onde o goberno da Xunta da man do BNG lidere grandes proxectos pendentes relacionados coa recuperación, rexeneración e saneamento da ría de Pontevedra, da súa dragaxe, da mellora da rede viaria e a realización de grandes investimentos en infraestruturas sanitarias e tamén de servizos sociais, atención á dependencia e persoas maiores”.
“O BNG preséntase a estas eleccións para facer historia porque este momento excepcional pide unha opción nova, unha opción que nos permita liderar o futuro, impulsar unha nova Galiza e crear un goberno que estea á altura dun gran país”, finalizou.