O nacionalista explica que a lei de Amnistía de 1977 impide a investigación de crimes de lesa humanidade como as desaparicións forzadas, torturas e execucións extraxudiciais, e fronte o veto da xustiza española a investigar estes crimes, o deputado defende a necesidade de aplicar “o principio de xustiza universal e en consecuencia apoiar a vía aberta pola Querela Arxentina”.
APOIO DO BNG Á QUERELA ARXENTINA
A iniciativa nacionalista propón á Xunta apoiar ás persoas e colectivos que presentaron denuncia no xulgado arxentino e instar ao goberno do Estado a derrogar ou modificar a lei de amnistía para que “non impida investigar e xulgar os delitos contra a humanidade”.
Os crimes cometidos polo Estado franquista, condenado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas na Resolución 39 de 12 de decembro de 1946 como fascista, están claramente definidos polo Estatuto do Tribunal de Nuremberg, 8 de agosto de 1945, como crimes contra a humanidade. Resulta evidente, afirma Bará, que son crimes “imprescritíbeis e debe asegurarse a súa persecución universal, polo que non pode aplicárselles a prescrición da acción penal ou da pena mediante o establecemento de leis de amnistía ou similares”.
O Estado español ratificou en xuño de 1977 (3 meses antes da aprobación da Lei de Aministía) o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, e en 1979 o Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e as Liberdades Fundamentais, sen embargo a realidade é ben diferente xa que “mantén a impunidade e non se fixo nada para investigar e levar a xuízo ás persoas responsábeis dos crimes que se produciron durante a guerra civil e a Ditadura franquista”.
Por outra banda, engade Bará, a Lei de amnistía aprobada en 1977 non é una lei de amnistía: “é una lei de punto final que contradí a xurisprudencia internacional sobre crimes contra a humanidade e impide a investigación xudicial de crimes como as desaparicións forzadas, as torturas ou as execucións extraxudiciais”.
Ao longo dos últimos anos, tanto a ONU como o Consello de Europa fixeron advertencias ao Estado español por manter un patrón de impunidade dos crimes do franquismo e vixencia dunha lei de amnistía que viola a xurisprudencia internacional sobre os crimes contra a humanidade.
A pesar do dereito internacional de obrigado cumprimento, a xustiza española dictou numerosas sentenzas que pecharon a posibilidade de investigar e xulgar os crimes do franquismo, aducindo precisamente que eses supostos crimes estaban amnistiados pola lei de 1977. O 27 de febreiro de 2012 o Tribunal Supremo dictou sentenza na causa aberta contra o xuíz Baltasar Garzón na que estableceu que estes crimes non poden ser investigados.
Este portazo ao exercicio do dereito á xustiza e á tutela xudicial efectiva non foi quen de impedir que se multiplicasen as iniciativas e as demandas a respecto da impunidade dos crimes do franquismo, canalizadas en dúas frontes: “o cuestionamento da Lei de amnistía e da súa interpretación como lei de punto final, e a aplicación da xustiza universal e a conseguinte apelación a instancias xurídicas internacionais”.
A vía da xustiza universal e a Querela Arxentina
O 14 de abril de 2010 interpúxose en Arxentina unha querela por xenocidio e/ou crimes de lesa humanidade cometidos no Estado español pola Ditadura franquista, admitida a trámite no Xulgado Criminal número 1 de Buenos Aires. A este proceso xudicial, coñecido como “Querela Arxentina”, sumáronse numerosas querelas e denuncias, até un número aproximado de 500. Ata o momento procedeuse á imputación de máis de vinte persoas acusadas de graves delitos por torturas, homicidios e substración de menores.
O deputado denuncia que o Estado español incumpre sistematicamente a súa obriga de colaborar con este proceso xudicial e denega a execución de todas as ordes internacionais de detención das persoas imputadas na causa, así como as ordes de extradición.
Paradoxalmente, a Audiencia Nacional abriu anteriormente varios procesos xudiciais sobre crimes cometidos polas ditaduras latinoamericanas aplicando precisamente a doutrina da xustiza internacional.
PROPOSICIÓN NON DE LEI REXISTRADA POLO BNG NO PARLAMENTO
O parlamento insta á Xunta de Galiza a:
1. Apoiar a Querela Arxentina e prestar máxima colaboración ás entidades e persoas de orixe galega na tramitación da causa penal número 4.591/2010 do xulgado criminal e correccional número 1 de Buenos Aires (coñecida como Querela Arxentina), por xenocidio e/ou crimes de lesa humanidade cometidos pola ditadura franquista.
2. Adherirse á Querela Arxentina e en consecuencia personarse na citada causa penal para que investigue os crimes contra a humanidade cometidos durante a ditadura franquista que afectaron a persoas de orixe galega.
3. Dar traslado desde acordo ao goberno de España e ao Xulgado criminal e correccional número 1 de Buenos Aires (Arxentina).
Demandar do goberno do Estado:
- A tramitación da derrogación da lei 46/1977 de amnistía ou, no seu defecto, a modificación do artigo 9 para que esta lei non impida que os xulgados e tribunais investiguen, xulguen e impoñan as penas correspondentes ás persoas responsábeis de cometer delitos contra a humanidade.
- Colaboración coas autoridades xudiciais arxentinas na tramitación da causa penal número 4.591/2010 do xulgado criminal e correcional número 1 de Buenos Aires, seguida por xenocidio e/ou crimes de lesa humanidade cometidos pola ditadura franquista.