Galegas 2020

Luís Bará esixe un operativo de repatriación e traslado a destino para os mariñeiros galegos que pescan en caladoiros internacionais

Pesca
Pesca

O cabeza de lista do BNG amosou en Marín o seu apoio aos centos de persoas afectadas e avogou por habilitar axudas para as que levan meses en terra sen ter ingresos

Destacou que “se foi posible para as e os turistas espallados polo mundo con máis razón hai que facelo coas persoas traballadoras”

O BNG, da man do candidato pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, esixiu hoxe en Marín ao goberno central e á Xunta de Galiza un operativo conxunto para repatriar e trasladar a destino aos mariñeiros galegos que pescan en caladoiros internacionais do Atlántico Sur, o Índico ou o Pacífico. O nacionalista destacou que con motivo da crise sanitaria da COVID-19 estas persoas non teñen autorización para volver aos seus domicilios nin tampouco para trasladarse aos lugares de pesca e subliñou que se o ese operativo foi posible para recoller ás e aos turistas espallados polo mundo, “con máis razón hai que facelo coas persoas traballadoras”.

Bará, acompañado da portavoz municipal Lucía Santos, mantivo unha reunión con mariñeiros galegos que traballan habitualmente nas flotas do Atlántico Sur e coñeceu de primeira man a situación complexa que están a vivir ao non poder trasladarse ao país base -neste caso Uruguai- para embarcar nunha campaña. Tamén coñeceu as dificultades que os mariñeiros que están no Atlántico sur -ao igual que outros doutras zonas no Índico, no Pacífico, na zona de Namibia, Seichelles, Malvinas- que non poden desembarcar e volver a Galiza.

Segundo recoñeceu Bará, esta situación está a crear graves problemas económicos nas familias, xa que hai moitas delas que non se ven dende moito antes da pandemia, e outras que dependen de persoas que levan meses no dique seco e non teñen ingresos para facer fronte a hipotecas e gastos diarios. “Hai que buscar unha solución. Tanto o goberno central como a Xunta de Galiza débense poñer mans á obra para facer un operativo conxunto. Se se fai con turistas que estaban espallados polo mundo con máis razón hai que facelo coas persoas traballadoras. Hai que facer a repatriación dos que xa levan alí nalgúns casos seis ou sete meses e necesitan volver á casa, e tamén para os que están aquí en terra, que levan moito tempo parados e precisan traballar para obter ingresos”, dixo.

Ademais, indicou Bará, a situación é tamén complexa polas diferentes situacións laborais, na súa meirande parte en empresas de fóra de Galiza, que realizan diferentes tipos de contratos, indefinidos e tamén de obra. “Hai persoas ás que lles rematou o contrato que non teñen ningún tipo de ingresos e que contaban con seguir traballando. A algunhas rematóuselles o paro e debería buscárselles algún tipo de axuda”, indicou.

Ante esta situación, Bará amosou o apoio do BNG aos centos de persoas afectadas, mariñeiros galegos, e esixiulle á Xunta que se poña mans á obra coa Consellería do Mar á fronte para non deixar esquecidos aos traballadores galegos que precisan do goberno galego. “A Consellería está desaparecida cando a xente do mar a precisa. Esta situación require dunha actuación inmediata, pero está claro que cando o 12X haxa un cambio de goberno, se non está solucionada, nós afrontaremos todos os trámites con urxencia”, comprometeuse.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG