O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, avogou hoxe pola mobilización dende a Xunta de Galiza de 20 millóns de euros nos vindeiros catro anos destinados a apoiar a creación cultural. O nacionalista destacou que é necesario un xiro nas políticas actuais do Partido Popular e fomentar e apoiar a cultura como “ben esencial” tanto simbólica como economicamente.
Bará concretou unha batería de propostas no seu encontro en Vigo co presidente da editorial Galaxia Antón Vidal Andión e o director xeral Francisco Castro, acompañado polas tamén candidatas Alexandra Fernández, Carmela González e o voceiro municipal Xabier P. Igrexas.
Unha das principais medidas que puxo sobre a mesa é a posta en marcha dun Fondo de Fomento da Creación Cultural, cunha dotación económica vencellada ao Fondo Cultural Galego, previsto no Estatuto de Autonomía (que nunca se desenvolveu) e creado mediante unha Lei no Parlamento. Subliñou que a súa finalidade principal é o fomento da creación cultural, co apoio a eventos culturais con incidencia no territorio e a conservación e promoción do patrimonio cultural.
Outra iniciativa a desenvolver, subliñou Bará, é un selo ‘Creatividade Galega’ como unha marca de denominación de orixe de calidade no sector do libro, a música, as artes plásticas, etc. “Prevemos a mobilización de 20 millóns de euros nos vindeiros catro anos para o apoio á creación, que é o inicio de todo o proceso cultural, e por tanto fundamental para o seu desenvolvemento”, insistiu. Esta inxección económica dividirase na posta en marcha de tres programas: bolsas para creadores noveis, axudas á creación e ao talento, así como á programación de residencias artísticas, literarias e de intercambio cultural.
Consellería de Cultura
De cara ás eleccións galegas Bará apuntou que o BNG “propón un cambio galego e transformador” coa creación dunha Consellería de Cultura con máis orzamento, que supere o 0,8% que ten actualmente e con plans estratéxicos de apoio e reactivación para a cultura de base e para os sectores profesionais das letras e das artes escénicas da danza, música, audiovisual e as artes visuais .
O nacionalista puxo tamén sobre a mesa a necesidade da creación dun novo departamento de cooperación cultural para mellorar a colaboración coas asociacións e coas administracións locais, traballando na promoción e na proxección de iniciativas locais e comarcais como festivais de música e de teatro, literatura ou audiovisual. Bará citou a posta en marcha do bono cultura para estimular o consumo con campañas de captación de públicos e promoción da cultura galega onde debe xogar un papel fundamental a televisión e a radio pública. Salientou, así mesmo, a creación dunha liña de crédito especial de Agadic e IGAPE para PEMES e profesionais e autónomos. Falou tamén da creación dun Fondo Social Galego, así como do Estatuto do Artista para ter cobertura social.
Subliñou que é necesario que se declare a cultura como ben de primeira necesidade “como alimento para a vida e o benestar colectivo”, pero non dun modo retórico, senón que se traduza en medidas concretas como aconteceu en Francia e Alemaña, finalizou.
Pola súa banda, o presidente de Galaxia, Antón Vidal, agasallou ao candidato cunha edición dos anos 50 dos estatutos da editorial. Vidal amosou a súa preocupación polo abandono do galego e a incerteza da cultura galega na sociedade actual. Pola súa parte, o director xeral Francisco Castro, quen indicou que é precisa unha administración que sexa “cómplice” coa cultura galega, que fomente a súa internacionalización e a creación dun Instituto Rosalía de Castro que “dende acción política poña o galego en pé de igualdade coas outras culturas periféricas do Estado Español”, indicou.