O nacionalista acusou á Xunta de elaborar unhas contas destinadas a regar os concellos gobernados polo PP, ás portas dunhas eleccións municipais
Tras a Xunta de portavoces, celebrada hoxe no Parlamento galego, o portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera cualificou os Orzamentos para o 2015, de clientelistas e destinados a regar os concellos gobernados polo PP.
O nacionalista salientou que Vicepresidencia medra 34 millóns incrementando as partidas para Administración local ás portas dunhas eleccións municipais.
Jorquera remarcou que tamén aumentan os gastos en asesores, (2,2% ), mentres baixan os investimentos en Medio Rural, Sanidade, Cultura e Lingua, son uns orzamentos continuístas, sen deseño estratéxico para xerar emprego e no camiño de consolidar unha Galiza máis pobre e desigual, manifestou.
O parlamentario tamén asegurou que as contas para o 2015 estiman un crecemento do 2% cando a Xunta tivo que rebaixar as súas previsións de crecemento para o peche do 2014, en definitiva, como di a foliada do Celta, sempre andas dicindo para o ano que ven.... A Xunta, afirmou, non cre nas súas propias previsións de crecemento.
Propostas do BNG para a vindeira sesión plenaria
Sobre as cuestións que serán debatidas na vindeira sesión plenaria dos días, 28 e 29, o portavoz do BNG resaltou a Proposición de lei do BNG referida á Reforma do IRPF para resolver a discriminación d@s emigrantes retornados á hora de tributar polas pensión percibidas doutros Estados.
Por outra banda o BNG reclamará, a través dunha moción, o compromiso do Goberno coa construción naval civil en Galiza revogando o acordo do Consello de Ministros relativo á dependencia de Navantia co Ministerio de Defensa.
Asemade, pedirá rexeitar o Tratado Trasatlántico de Comercio e Investimento negociado entre Europa e EE.UU con medidas que poñen en risco os servizos públicos, medio ambiente e dereitos sociais.
Os pagamento das indemnizacións do FOGASA a traballador@s galegos de empresas en creba, que o Goberno exerza as súas competencias para rematar coa permanencia de Ence-Elnosa e a pregunta ao Presidente sobre presunta malversación de fondos públicos en cursos de formación subvencionados pola Xunta de Galiza serán debatidos na vindeira sesión plenaria.
Sobre a creación dunha comisión de investigacións sobre a presunta fraude de cursos de formación, Jorquera lembrou que resulta moi chamativo que dente o ano 2012 houbera indicios desta trama e que entre as persoas interrogadas figurara o exdirector xeral de Traballo que dimitiu un día antes de ser citado pola policía e engadiu que o PP solicitou a creación dunha comisión de investigación no Parlamento andaluz polo escándalo dos ERES. No vindeiro pleno, dixo, saberemos se en Galiza, Núñez Feijóo vai facilitar a comisión e depurar responsabilidades.