O BNG entende que un sistema universitario forte e ben financiado é fundamental para contribuír ao desenvolvemento económico de Galiza e así llo transmitiu a portavoz nacional, Ana Pontón, ao reitor da Universidade de Vigo (UVI), Salustiano Mato, con quen abriu a ronda de encontros cos máximos responsables das universidades do país.
Neste sentido, Pontón avanzou algunhas das medidas que o Bloque incluirá no seu programa electoral de cara aos comicios galegos en relación ao sistema universitario, en concreto, a proposta de acadar un nivel de financiamento público alomenos equivalente á media estatal, -que a día de hoxe está no 1,04% do PIB fronte ao 0,8% en Galiza-, e unha segunda medida concreta que pasa por incrementar o nivel competencial das universidades coa xestión directa das bolsas de estudo.
O sistema universitario ten que ser un puntal na política de desenvolvemento económico do país, indicou Pontón, quen incidiu na importancia de considerar como estratéxica o investimento en I+D+i e súa conexión co mundo da empresa, cuestión no que a Universidade de Vigo é un referente. A xestión das bolsas tamén é importante para adaptala ás necesidades da realidade do noso estudantado, indicou.
Para a dirixente do Bloque é preciso superar os recortes impostos polo PP e dotar a universidade dos recursos e do persoal necesarios para garantir unha universidade pública e de calidade, con igualdade de acceso como criterios básicos.
Son un piar básico dentro do sistema educativo pero tamén económico, polo tanto ten que haber un maior investimento público nas universidades, -a aportación da Xunta en 2016 e inferior á que existía en 2009-, ligado a un plan estratéxico de I+D+i e a un plan de titulacións axeitado á realidade actual, argumentou Pontón.
A portavoz nacional salientou que desde o Bloque non se cree nunha universidade que sexa unha foto fixa, senón que aposta por un modelo universitario que avance, que se renove e que busque novas vías de colaboración coa sociedade, explicou tras o encontro co reitor da Universidade de Vigo, no que tamén participou o responsable local, Manuel Caride.