Iago Tabarés, candidato do BNG ao Congreso dos Deputados pola provincia de Ourense, estivo nun coloquio realizado no concello de Barbadás. A este acto tamén acudiu o candidato do BNG á alcaldía do propio concello, e Noa Presas, deputada no Parlamento de Galiza. Durante a xuntanza, destacouse o aumento de apoios e simpatías ao BNG en todo o país e en especial na provincia de Ourense.
A xuntanza tivo lugar na cafetería Solaina, na localidade de A Valenzá. Un encontro distendido onde as e os asistentes puideron intercambiar ideas e propostas cos candidatos aos respectivos comicios. Asemade, a deputada do BNG por Ourense no Parlamento estivo no encontro para aportar a visión da “necesidade que ten a nosa provincia de teren representación nas institucións públicas coma o Parlamento de Galiza ou o Congreso dos Deputados”.
“A única opción real de que Galiza teña voz propia en Madrid pasa polo BNG. A única solución para resolver os nosos problemas pasa por votar BNG o vindeiro 28 de abril” sinalou o candidato nacionalista ao Congreso. Tamén destacou a importancia do voto dobre que significa o BNG: “por un lado eliminamos a posibilidade de que goberne a dereita rancia encabezada polo Partido Popular, acompañada dos seus socios Ciudadanos e Vox; e, por outra banda, inserimos na axenda de Madrid, os problemas de Galiza e Ourense”.
Iago Tabarés puxo o exemplo de Barbadás, municipio onde o BNG leva determinadas concellerías, e a súa evolución “positiva” respecto aos seus servizos sociais, á igualdade co Centro de Información á Muller e iniciativas da concelleira nacionalista, e na difusión e elaboración de actividades vinculadas á cultura.”Os concellos onde o BNG ten poder, son garantía de futuro” destaca Tabarés.
“Chamamos a sumar os apoios de todas as persoas que queremos que Galiza conte. Canarios, vascos, catalans, valencianos... van ter voz no Congreso dos Deputados. Galiza non pode ficar sen representación propia e sen voz que loite polas solucións ante os nosos problemas” finalizou Iago Tabarés, candidato do BNG ao Congreso pola provincia de Ourense.