BNG rexistrou hai poucas semanas unha serie de iniciativas e preguntas ao Goberno español que atinxe ao uso deturpado dos topónimos oficiais galegos nas aplicacións de xeolozalización como Google Maps ou redes sociais como Facebook.
En resposta ás preguntas formuladas polo BNG, o Goberno español indica que o ámbito de aplicación da normativa pola que se regula a toponimia oficial do Estado “non alcanza ao sector privado”. É dicir, que deixan en mans de empresas privadas, neste caso transnacionais, o uso correcto ou incorrecto dos topónimos do Estado. Porén, resulta cando menos curioso, que a deturpación dos topónimos só afecta a Galiza, Catalunya, Euskal Herria, Valencia e Illes Balears, comunidades con linguas propias, mais non ao resto de comunidades monolingües.
A resposta do Goberno tamén engade que “o uso incorrecto dos topónimos adoita deberse a que o usuario (sic) non ten configurado correctamente o idioma”, descargando a súa responsabilidade sobre o uso dos topónimos oficiais sobre o usuario ou usuaria. Porén, iso non é exactamente así. É certo que se mudamos a interfaz do móbil ao castelán aparecen os topónimos deturpados en Google Maps, porén se o mudamos ao galego, catalá ou calquera outra liga, mesmo o inglés, os topónimos oficiais aparecen reflectidos correctamente, tanto os que afectan a Galiza como a calquera das outras nacións con linguas propias. Sorprende que un madrileño non sexa quen de entender “Sanxenxo, Arteixo, Ourense, A Coruña, Touro ou Chandrexa de Queixa”, mais esa dificultade desaparece se é un inglés, francés ou un norteamericano de Arkansas.
Disto dedúcese que detrás do uso deturpado dos topónimos das nacións con linguas propias nas aplicacións de xeolocalización agóchase unha decisión política das altas instancias do Estado en connivencia con estas transnacionais, da que tampouco escapa a Wikipedia. O obxectivo é claro: reflectir unha visión centralista e homoxénea de monocultivo lingüístico, que non soporta o máis mínimo contraste coa realidade tanxíbel, e que nos retrotrae a tempos do franquismo, cando se impoñía o “viva España y la disciplina y nuestro idioma cervantino”.
Desde o BNG instamos o Goberno español a actuar e rectificar. O uso da nosa toponimia oficial, que tamén é a oficial do Estado, non pode depender de se o usuario ou usuaria ten ou non configurado correctamente o seu móbil. Neste sentido, ademais de preguntas ao executivo, o deputado Néstor Rego rexistrou unha PNL, que se debaterá nas vindeiras semanas, na que seguiremos exixindo que o Estado se dirixa a Google e Facebook para que corrixan os topónimos das cidades, vilas e lugares de Galiza, substituíndoos pola súa forma oficial e única.
Porque son os nosos nomes propios, porque son os oficiais, porque é de xustiza, non permitiremos que as aplicacións de xeolocalización, así como plataformas como a Wikipedia, que utilizan a diario miles de persoas, continúen deturpando a realidade baixo un prisma franquista. Neste sentido, apelamos a Bildu, ERC, PNV e Compromís a que unir esforzos contra esta visión centralista do Estado que deforma a realidade dos nosos pobos.