A música e a cultura galegas volverán ser protagonistas na segunda xornada do festigal 2012 este Día da Patria Galega 25 de xullo. A Galeria das Letras contará coa presenza de Xosé Neira Vilas, Camilo Nogueira, Suso de Toro, Valentim Fagim, Manuel Bragado, Victor Freixanes ou Teresa Moure, entre outros. O candidato do BNG á Xunta de Galicia, Francisco Jorquera, acompañará ao catedrático da USC Xavier Vence na presentación do seu libro Crise e radicalización neoliberal.
O Dia da Patria Galega pecharase no Campus Sur de Compostela cos concertos de De Outra Margem, da cantante SÉS, do cuarteto a Cada Canto, integrado por Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero, e TERBUTALINA. Previamente, no Café Concerto e a partir das 5 da tarde poderase desfrutar de curtametraxes premiadas no Festival de Cans e da música de Alvariza e Cantata Vernácula. A oferta musical complétase cos pasarrúas de grupos de música tradicional galega como Os Carapaus e Os Minhotos que actuarán durante o día polo recinto do Festigal e na zona de xantar.
Feira do libro
A tarde do Día da Patria Galega estará tamén animada cunha feira do libro, un espazo de venda de música galega, máis de 60 postos de artesanía, tendas e asociacións socioculturais e unha Galeria da Cultura tradicional, da Asociación de Gaiteiros galegos, onde desfrutar de treboadas e regueifas.
Para os máis cativos, ademáis de xogos e obradoiros, haberá teatro de rúa con Os Quinquilláns, monicreques con Babaluba e música, ás 19:15h, con Pirilampo.
A undécima edición do Festigal organizado por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre, conta coma sempre cun espazo para o debate de ideas.
Liberdades democráticas
Desta volta préstase atención á defensa das liberdades democráticas da man de Fernando Blanco Arce, presidente de ESCULCA, Antolín Alcántara, sindicalista da CIG e Rubén Cela, portavoz municipal do BNG en Compostela. O mércores 25 ás 7 da tarde na Galeria das Ideas.