A Executiva Nacional do BNG aprobou na súa última reunión o reparto de responsabilidades en base ás áreas operativas desde a asemblea nacional de 2016, nunha equipa que continúa de xeito maioritario e que, encabezada pola portavoz nacional, Ana Pontón, formou parte da remontada da formación nacionalista.
Como coordinadora da Executiva Nacional, Goretti Sanmartín; na área de organización, Lucía López e Bieito Lobeira; na área de municipal, Eva Villaverde e Carme da Silva; na de comunicación, Xavier Campos e Olalla Rodil; na área de finanzas, Lois Pérez Castrillo, mentres que a área de institucional ten como responsable a Manuel Lourenzo no Parlamento galego, a Nestor Rego no Congreso e a Ana Miranda na Eurocámara.
Montse Prado asume a área de formación; Noa Presas continúa na área de acción feminista; Rubén Cela e Ana Miranda en internacional e Luís Bará, como responsable da área de iniciativas políticas. Completan as áreas, Olaia Ledo como responsable de ecoloxismo; Xosé Luís Rivas de medio rural, Breixo Lousada na área de movementos sociais e Marta Gómez, responsable da área de mocidade.
A decisión da Executiva Nacional en relación a esta distribución de responsabilidades será agora sometida á consideración do Consello Nacional, que ten prevista a súa primeira reunión de constitución o 11 de decembro, tras a celebración da XVII Asemblea Nacional na Coruña.