A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, e a deputada do BNG, Rosana Pérez, presentaron hoxe multitude de emendas parciais aos Orzamentos Xerais do Estado 2015
Galiza, sempre a prioridade do BNG
As propostas presentadas polo BNG teñen como propósito en primeiro termo mellorar as partidas destinadas a Galiza a fin de que os Orzamentos sirvan de verdade para dinamizar a economía galega. As deputadas do BNG piden máis partidas para dinamizar sectores produtivos básicos como o agro, a pesca ou o naval. Solicitan unha dotación para un Plan Lácteo. Demandan máis asignación para o saneamento das rías galegas, e no eido das infraestruturas siguen considerando de especial importanza económica prolongar o Eixo Atlántico até Ferrol e até a fronteira portuguesa.
A fin de pode contar cunha auténtica alternativa viaria á costosísima AP-9 que cobra as peaxes das máis altas do estado, Davila e Rosana Pérez propoñen a aprobación dunha asignación de 15 millóns de euros para rehabilitar e facer máis carrís na N-550. E coidan as parlamentares nacionalistas que é hora de pular pola implantación das Cercanías na Galiza, por iso propoñen unha partida.
Os Orzamentos deben valer para combater a crise
En segundo lugar, o BNG propón unha serie de emendas de carácter xeral destinadas a mellorar o ámbito social, económico, laboral e de desemprego. Así, demandan nas súas emendas que se actualicen as pensións dacordo á evolución do IPC posto que a previsión de incremento do 0,25% é na práctica unha conxelación salarial.
As deputadas do BNG piden nos orzamentos que se recupere o poder adquisitivo dos empregados públicos afectados polas sucesivas conxelacións salariais e a supresión da paga estraordinaria de decembro de 2012. As deputadas do BNG demandan a recuperación íntegra en 2015 da paga estraordinaria retirada pois os 44 días xa se están a recoñecer por resolucións xudiciais. O BNG pide que se cre emprego público, non se limite a taxa de reposición e se eliminen as restricións á contratación temporal de personal no sector público.
Por exemplo no ámbito xudicial, o BNG pide elevar o número de prazas para xuices a 250 para alixeirar os atascos que se producen nos xulgados. No mesmo capítulo de melloras sociais, as deputadas nacionalistas piden a supresión de una disposición adicional dos Orzamentos porque supón demorar a aplicación efectiva de melloras na pensión de viudedade.
Davila e Rosana Pérez plantexan recurtar nun 40% a asignación tributaria á Igrexa Católica no IRPF, diminuir nun 30% a aportación á Casa Real así como o orzamento de Defensa que sempre acaba incrementado por créditos estraordinarios. Propoñen a creación dun Fondo Especial de Financiamento a favor dos municipios de poboación de menos de 20.000 habitantes. E piden un Fondo de 10 millóns de euros para loitar contra o ébola en África Occidental.
Ademáis, as parlamentares do BNG piden cambios nas Leis Fiscais para arranxar o problema da fiscalidade das pensións percibidas do estranxeiro. Demandan a rebaixa do IVE na floricultura, nas perruquerías e no eido cultural. De igual xeito presentan unha serie de propostas para asentar unha fiscalidade progresiva e máis xusta. Así demandan que os chamados impatriados tributen máis do tipo do 24%. É inxusto que as millonarias retribucións de aínda numerosos deportistas de alto nivel ou de directivos de empresas e multinacionais tributen ao tipo do 24%. De igual xeito, o BNG pide rematar cos abusos das SICAV.