Cosme Pombo afirma que: “Os orzamentos de Cultura son o camiño da sepultura”.

Para o deputado nacionalista, estes orzamentos representan “máis recesión e paro e menos Educación e Cultura”

O deputado do BNG, Cosme Pombo rexeitou hoxe, trala presentación dos orzamentos Educación e Cultura, unhas contas para o 2013 que, ao seu xuízo, incidirán en “máis recesión e paro e menos Educación e Cultura”.

Para o parlamentario do BNG, “os orzamentos de Cultura son o camiño da sepultura” polo que reclamou a modificación do proxecto presupostario cunha maior dotación nas partidas.

Pombo criticou que o Partido popular afirme ter un “compromiso coa cultura galega e en galego” cando en realidade, segue estragulando as partidas destinadas ao seu desenvolvemento, “vostedes reducen máis de 6 millóns de euros” un orzamento dabondo escaso para as industrias e actividade cultural en Galiza.

Caída do PIB do 0,9% e aumento do desemprego

Tras analizar as diferentes partidas, o deputado afirmou que é a propia consellería de Educación e Cultura a que prevé unha caída no PIB do 0,9% e un importante aumento do desemprego situado no 21% “11.500 persoas máis”.

Na súa intervención, o parlamentario do BNG denunciou o recorte total do 3,8% para os orzamentos do 2013, un recorte co que o PP pretende, dixo, “sepultar os nosos sinais de identidade”.

Por outra parte, Pombo tamén se referiu os recortes do 30,6% nas actividades culturais e criticou que mentres se aplica a tesoira nestas políticas, a Fundación Camilo José Cela, “entidade privada que recibiu un millón de euros para salvar un gran burato económico”, agora aparece nos orzamentos como fundación pública, “os creadores malviven e non reciben nin o 1% do que leva recibido esta fundación”, manifestou.

Educación avanza na liquidación do Ensino público

Neste sentido, o deputado do BNG asegurou que a consellería volve reducir as partidas para educación “un 6,6% menos que no 2012” que comparado co 2009 situase no 30%, “máis de 600 millóns de euros”.

Esta redución, engadiu, supuxo a desaparición de 322 unidades educativas, o peche de 46 escolas e 2.000 ensinantes menos e todo indica, apuntou, que “este ano toca reducir outros 315 máis”.

O parlamentario do BNG manifestou que os recortes defendidos polo titular de Educación seguen deteriorando a calidade do ensino público e a Universidade e afirmou que a proposta da Secretaría Xeral de Política Lingüística resulta “insultante” para unha Comunidade con Lingua propia.

Pombo concluíu a súa intervención reclamando “unha modificación do orzamento” destinado a Cultura e Educación ao fin de paralizar “o duro golpe” que suporán estes recortes en todos os ámbitos culturais, educativos e lingüísticos en Galiza.

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG