Comunicado do grupo provincial do BNG de Ourense en relación á querela contra José Luís Baltar

En primeiro lugar, queremos manifestar a nosa moderada satisfacción pola decisión do Fiscal Xefe. E dicimos moderada por canto os motivos que sustentan a querela, nepotismo e clientelismo político, obedecen a prácticas políticas practicadas durante lustros polo Partido Popular, nesta Institución, de sobra coñecidas pola opinión pública e pola propia fiscalía, denunciados ao longo de máis de vinte anos polo BNG, con nomes e apelidos. Onde estivo e que fixo durante todo este tempo a Fiscalía ao respecto ? Consideramos que a querela se presenta tarde e máis parece un lavado de cara da propia fiscalía, que noutros procesos si estivo áxil, que outra cousa.

A querela é produto dunha denuncia que pon o acento sobre as contratacións realizadas por Baltar no proceso pre-congresual onde o seu fillo asumiu a Presidencia Provincial do partido, pero obvia a verdadeira realidade que é a política de persoal nesta Institución, non só polo aumento das contratacións realizadas a medida que se aproximaban os distintos procesos electorais, senón da consolidación dun “Status Quo” onde familias enteiras, parentes, amigos, axentes electorais, consolidaron ao longo de todos estes anos, os seus postos de traballo, mediante procesos, “ad hoc”, revestidos de legalidade.

O Baltarismo supuxo, e segue a supoñer, a peor maneira de entender a política que é a que se sustenta nun principio fundamental do poder ao prezo que sexa e a costa de quen sexa. É máis eficaz, canto máis sufrimento e desesperación hai na cidadanía, porque se alimenta da necesidade das persoas. Neste sentido, temos que dicir, que o Baltarismo sobrevive ao seu inventor, e segue a ser un instrumento clientelar útil nas mans do seu fillo. Abonda ver como e de que maneira se ven de xestar a contratación de 133 persoas, coa connivencia da Xunta, vulnerando todos e cada un dos principios constitucionais de igualdade, mérito, capacidade, así como o de publicidade, por certo, denuncia feita polo BNG no pasado debate dos ornamentos.

Durante todos estes anos conviviron dous elementos que se foron retroalimentando: un primeiro elemento, a existencia dunha persoa con poucos escrúpulos, capaz de facer calquera cousa con tal de perpetuarse no poder e unha Institución, que nas mans do Partido Popular, adquire a súa verdadeira razón de ser e de existir: unha máquina que destina gran parte do diñeiro público ao servizo do Partido a través dunha rede clientelar de enormes proporcións. De aí que, como ten defendido o BNG desde o principio dos tempos, é máis necesario que nunca suprimir estes entes que fagocitan inxentes cantidades de diñeiro, 400 millóns de euros, sen que iso reverta no benestar e na maior calidade de vida dos veciños e veciñas da Provincia.

O BNG, dentro do máximo respecto que nos merecen os órganos xurisdicionais, estará atento ao curso dos acontecementos na esfera xudicial, pero á marxe diso entendemos que a querela a José Luís Baltar, que hoxe está fora do foco da política, é un torpedo a liña de flotación da política practicada nesta deputación, que entendemos debería ter a súa translación a aqueles deputados e deputadas que ampararon co seu “beneplácito” ( de ben e Plácido) ou con seu silencio cómplice prácticas nepóticas e clientelares, de xeito sistemático e continuado no tempo, polo que presentaremos unha iniciativa pedindo a asunción de responsabilidades políticas para que o actual Presidente da deputación cese a todos e cada un dos deputados, que hoxe forman parte da corporación provincial, e que no mandato pasado fixeron parte da Xunta de Goberno.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG